Solapas principales

“Un alento de vida”, nova campaña de doazón de sangue no Milladoiro

Sábado, 20 de junio de 2026

A unidade móbil de doazón de sangue estará este luns, 22 de xuño, no Milladoiro, na Travesía do Porto, ao carón do novo centro de saúde. O horario de atención será de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Un alento de vida”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue durante o verán xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.

O verán é a época do ano de maior dificultade para acadar as doazóns de sangue que precisan os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes. Por iso, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) impulsa unha campaña informativa especial, desde o 15 de xuño ata o 31 de agosto, para sensibilizar da importancia deste acto solidario. 

O obxectivo desta campaña é informar á veciñanza e dar as máximas facilidades co desprazamento das unidades móbiles a máis de 170 concellos galegos, que realizarán arredor de 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue ás cidades, vilas e parroquias de Galicia. Coa suma de esforzos de todos será posible acadar as máis de 20.0000 doazóns de sangue que precisan os hospitais galegos durante este verán, para atender a preto de 6.500 doentes que requiren tratamento con compoñentes do sangue para recuperar a saúde. 

Cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade. Os hospitais galegos atenden cada día unha media de 2.800 urxencias, máis de 800 intervencións cirúrxicas e 1 transplante de órganos. Por iso, dende o Concello de Ames, anímase á veciñanza a acudir a esta unidade móbil de doazón, que estará estacionada este luns, 22 de xuño, na Travesía do Porto, no Milladoiro, ao carón do novo centro de saúde, en horario de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas.

Os únicos requisitos para poder doar son ser maior de 18 anos e pesar máis de 50 quilos. É necesario almorzar e esperar dúas horas para acudir despois de xantar. As persoas doantes deberán identificarse coa súa tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Ademais, haberá que informar ao médico se se está tomando algún tipo de medicamento.

Dez unidades móbiles percorren Galicia
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), dependente da Consellería da Sanidade, envía compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a todos os hospitais de Galicia para atender a actividade asistencial e facer fronte ás urxencias. Dez unidades móbiles percorren Galicia para atender as persoas que desexan realizar este acto altruísta. 

As doazóns de sangue recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón situados nas grandes cidades, envíanse a diario ás dependencias centrais da ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, cada día, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para atender a todos os pacientes.

Tan só é necesario 15 minutos do teu tempo
O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde. Grazas ás persoas que doan sangue axúdase a preto de 31.000 persoas enfermas nos hospitais galegos cada ano. Busca 15 minutos do teu tempo para doar sangue e salvar a vida de moitas persoas.

Na situación actual, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e dos doadores de sangue. Así mesmo, dispón dun teléfono de información gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón de sangue e tamén sobre a localización das unidades móbiles da doazón de sangue, o número 900 100 828. Tamén se pode consultar a súa páxina web premendo nesta ligazón.

“Un alento de vida”, nova campaña de doazón de sangue no Milladoiro

Multimedia

  • “Un alento de vida”, nova campaña de doazón de sangue no Milladoiro