- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal ata o 15 de decembro. Os bonos poderán gastarse do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026. Na actualidade hai un total de 94 establecementos comerciais adheridos a dita campaña.
Despois do éxito das edicións de 2021, 2022, 2023 e 2024, o Concello de Ames retoma para este Nadal o programa de incentivos ao comercio a través de bonos de desconto. A iniciativa, que busca ter un impacto positivo no comercio local, conta cun orzamento de 60.000 euros. Nesta iniciativa colaboran as asociacións Xuntanza de Empresarios de Ames, Asociación de empresarios Novo Milladoiro e maila Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulebar.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “xa quedan poucos días para que os establecementos comercias e hostaleiros de Ames se poidan inscribir na campaña de Bonos Consuma 2025, polo que animo a todos os que non fixeron a inscrición a que a fagan canto antes, porque é unha iniciativa que funciona moi ben no comercio local. Posteriormente, os bonos poderán gastarse do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026. Trátase dunha iniciativa que ano tras ano xera un volume de negocio moi importante para o comercio e hostalería do noso concello”.
Na actualidade hai un total de 94 establecementos comerciais adheridos a dita campaña. Participan comercios dunha ampla variedade de sectores como calzado, moda, xoguetes, óptica e centros auditivos, fogar, tecidos, beleza, ferretería, repostería e pastelería, salóns de estilismo e de peiteado, librarías, hostalería, xoierías, carnicerías, electrodomésticos, mercerías, centros deportivos e de adestramento, perruquerías caninas, complementos e agasallos, decoración, fotografía, perfumerías, etc.
Prazo de adhesión para os establecementos comerciais e hostaleiros
Aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal ata o luns 15 de decembro, incluído. Todos os establecementos participantes deberán contar cun adhesivo que os acredite como establecementos colaboradores. Este ano destinaranse un total de 60.000 euros aos Bonos Consuma.
A campaña para veciños/as e visitantes, para consumir os bonos nos establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, será do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026, ambos incluídos.
Características dos Bonos Consuma
A campaña Bonos Consuma busca promocionar os sectores de comercio e hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Cada bono terá a consideración de bono desconto por valor de ata 50 euros para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
Como vai funcionar este desconto? O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada:
-Desconto de 5 euros en compras iguais ou superiores a 10 euros, e inferiores a 30 euros.
-Desconto de 10 euros en compras iguais ou superiores a 30 euros, e inferiores a 50 euros.
-Desconto de 15 euros en compras iguais ou superiores a 50 euros.






