Solapas principales

Últimos días para participar no XI Certame de Fotografía Comercial impulsado pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro

Martes, 25 de noviembre de 2025

O próximo domingo día 30 de novembro ás 23.59 horas pechará o prazo para presentar as fotografías do XI Certame de Fotografía Comercial, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro e que conta coa colaboración do Concello de Ames. O obxectivo é achegar á cidadanía a actividade empresarial deste enclave e poñer en valor o traballo e dedicación que cada día ali se desempeña. As imaxes deberán enviarse por correo electrónico a foto@aenovomilladoiro.com, indicando no asunto “Certame fotográfico: título da fotografía”.

Baixo o lema “Visión da empresa actual”, o certame convida a afeccionados e profesionais da fotografía a retratar a vida empresarial, as instalacións, os produtos e o equipo humano das empresas situadas no polígono, reflectindo unha visión dinámica, positiva e creativa do tecido industrial e comercial do Milladoiro.

As persoas interesadas en participar deberán enviar a súa fotografía (unha por persoa) ao enderezo de coreo electrónico foto@aenovomilladoiro.com, indicando no asunto “Certame fotográfico: título da fotografía”. Para participar non hai limitación de idade e é necesario residir en España. As fotografías poden ser enviadas tanto en cor como en branco e negro, e poderase utilizar calquera técnica fotográfica sempre e cando a peza mostre unha ligazón co Parque Empresarial do Milladoiro. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 30 de novembro de 2025 ás 23:59 horas. 

Profesionais da fotografía, representantes do Concello e membros da Asociación conforman un xurado que outorgará ás mellores fotografías tres premios de 500, 400 e 300 euros (aos que se lle aplicarán as retencións fiscais pertinentes), respectivamente. Tanto as obras premiadas como as finalistas serán expostas na Casa da Cultura do Milladoiro a partir do 18 de decembro e ata o 31 de xaneiro do vindeiro 2026. Posteriormente, exhibiranse tanto na sede da AEPEM como nas súas redes sociais.

A gala de entrega de premios celebrarase o xoves 18 de decembro de 2025, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Durante o acto proxectaranse todas as fotografías presentadas e daranse a coñecer as persoas gañadoras. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web www.aenovomilladoiro.com ou contactar coa Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro no correo info@aenovomilladoiro.com.

Os premiados no 2024
Na anterior edición deste certame a fotografía gañadora foi O Flatiron, de Alberto Cachafeiro Sánchez, quen levantou o premio Tesec Audiovisuais, dotado con 500 euros. A imaxe foi amplamente valorada por todos os membros do xurado.

Na segunda posición, o premio Fílmate Estudios Fotográficos, dotado con 400 euros, foi para María Jesús Pena Álvarez co seu traballo Gulliver. O premio Técnicas de Ocio Galicia, dotado con 300 euros, foi para Chegando co Futuro Na Man, realizada pola gran aficionada á fotografía: Jacqueline Silveira Calviño, na entrada do novo hotel do Milladoiro.

Últimos días para participar no XI Certame de Fotografía Comercial impulsado pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro

Multimedia

  • Últimos días para participar no XI Certame de Fotografía Comercial impulsado pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro
  • 1º Premio da edición de 2024
  • 2º Premio da edición de 2024
  • 3º Permio da edición de 2024