Solapas principales

Últimos días para participar no certame Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo

Viernes, 22 de mayo de 2020

O proxecto Enreguéifate ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos, promovendo o uso de galego a través da improvisación oral en verso. Debido ao estado de alarma decretado pola Covid-19, nesta edición suspendéronse os obradoiros que se ían a impartir nos centros educativos, pero segue en marcha o certame de regueifa en vídeo, reforzándose os contidos virtuais con titoriais e vídeos con ideas para regueifarmos en confinamento. Materiais que se encontran dispoñibles na páxina web do proxecto, no seu Facebook e no seu Instagram, e que algúns tamén foron compartidos polas redes sociais do Concello de Ames. O prazo de presentación de vídeos remata o próximo 29 de maio.

O certame Enreguéifate está promovido polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo. Trátase dun proxecto que se vai consolidando co tempo e que este ano chega á súa terceira edición.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Aproveita estes últimos días e participa cas túas regueifas

A participación no certame é aberta e de balde. Para facelo, envía un vídeo no que cando menos dúas persoas aparezan regueifando na nosa lingua. Establécense dúas categorías, a xeral, na que pode participar calquera persoa, e a escolar, na que pode participar alumnado de ensino non universitario (calquera nivel de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas).

En canto aos vídeos participantes, o idioma empregado ten que ser o galego, a temática é libre e en cada vídeo deben aparecer, como mínimo, dúas persoas (pero unha persoa pode aparecer en varios vídeos). A duración da peza audiovisual non poderá exceder dos 3 minutos.

En canto ao formato do vídeo, non se establecen restricións, sempre e cando as gravacións se aprecien de maneira clara. Iso si, non se poderán transmitir imaxes ou mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias. A organización descartará aqueles vídeos con contidos que non considere apropiados.

Inscrición e prazos para participar no proxecto

Os vídeos participantes enviaranse a través da web de Enreguéifate xunto co formulario de inscrición cuberto. Podes acceder a el premendo neste enlace .

No caso dos participantes menores de 14 anos, a inscrición deberá facela unha persoa adulta, xa sexa titor/a legal ou docente do/a menor. Este deberá indicar, no propio formulario, que conta coa autorización asinada polos/as seus/súas titores/as legais para que participen e cedan os dereitos de imaxe todas as persoas que aparecen no vídeo. De existir calquera problema ou dúbida, pódese poñer en contacto coa organización a través do correo electrónico info@enregueifate.gal.

O xurado estará constituído por diversas persoas con experiencia e coñecementos no eido da regueifa e da normalización lingüística e a súa decisión coñecerase a través da páxina web de Enreguéifate e dos perfís do programa nas redes sociais de Facebook e Instagram. En canto ao acto de entrega de premios, este anunciarase nas redes sociais.

Regueipremios

Haberá os seguintes recoñecementos  en cada unha das categorías (xeral e escolar):

  • Regueifa máis brava: valoraranse os vídeos cun xeito de regueifar máis ousado, garboso, festeiro e divertido.
  • Regueifa máis aguda: valoraranse os vídeos máis enxeñosos, creativos e orixinais dende o punto de vista estético.
  • Regueifa máis diversa: valoraranse os vídeos nos que haxa maior heteroxeneidade entre as persoas participantes en canto a sexo, idade, nacionalidade, etc.
  • Regueifa máis reivindicativa: valoraranse os vídeos cunha temática crítica ou satírica, tendo tamén en conta o tratamento de asuntos de actualidade.
  • Regueifa mellor cantada: valoraranse os vídeos nos que se demostre unha mellor entoación, afinación e ritmo musical.
  • Regueifa mellor falada: valoraranse os vídeos nos que se demostre unha mellor calidade lingüística, tendo en consta o uso coidado, correcto e non sexista da lingua galega en todas as súas variantes dialectais.

Materiais de interese para regueifar

Ante a falta, por causas evidentes, de obradoiros formativos nos centros escolares púxose a disposición de todas as persoas interesadas  unha unidade didáctica para aprender esta arte da improvisación. Podes acceder a ela premendo neste enlace ou consultándoa ao pé desta nova.

Ademais, no momento actual, a regueifa convértese nunha boa actividade tanto de cara as clases virtuais do profesorado como para pasar o tempo de lecer nas casas, agudizando a mente e facendo os vídeos a través de ferramentas informáticas como Skype, Zoom...

Para isto, desde a organización púxose ao alcance de quen precise un vídeo-titorial sobre como regueifar a distancia e gravar dita regueifa para poder participar no certame en tempos de corentena, ao que podes acceder premendo aquí. 

E xa por último, recordar que se pode acceder a todos os vídeos e materiais de promoción cunha morea de ideas e mesmo con xogos para regueifar coas crianzas que se foron subindo ás redes sociais durante estes meses tanto no seu Facebook como no seu Instagram.

 

Cartel Enregueifate

Multimedia

  • Cartel Enregueifate