Solapas principales

Últimas prazas para participar na andaina saudable pola Ruta do Tambre deste sábado

Miércoles, 03 de julio de 2019

Este xoves remata o prazo de inscrición para participar na andaina saudable que terá lugar este sábado, 6 de xullo, pola Ruta do Tambre. A actividade será supervisada polo monitor de marcha nórdica Ricardo Angueira, e contará coa colaboración da técnica da Aula da Natureza Patricia Reboreda, que descubrirá ante os participantes algunhas das curiosidades referentes á vexetación e historia que vaian xurdindo ao longo da camiñata. A andaina rematará cun almorzo saudable. As persoas interesadas en participar nesta actividade gratuíta deberán inscribirse antes das 14.00 horas do xoves a través dun correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou do teléfono 649 450 264.

As Concellarías de Sanidade e Medio Ambiente de Ames organizan unha nova andaina   e almorzo saudable ao abeiro do programa SaudeAndo, co obxectivo de ofrecer unha alternativa extraordinaria á trintena de andainas xa programadas ao amparo deste programa SaudeAndo. Mediante esta iniciativa, buscase animar ás e aos amesás a aproveitar o bo tempo para practicar actividade física de forma amena e divertida. Esta nova andaina, que comezará ás 10.30 na praia fluvial de Tapia, percorrerá a Ruta do Tambre, que pasa por puntos como Ponte Maceira, Lens ou a Igrexa da Virxe do Corpiño.

A actividade conta con servizo de autobuses, que recollerá aos participantes na Casa da Cultura do Milladoiro ás 10.00h, e na Praza do Concello de Bertamiráns ás 10.15h. Así, a andaina comezará ás 10.30 na praia fluvial de Tapia, supervisada polo monitor de marcha nórdica Ricardo Angueira, que tamén ofrecerá unha serie de pautas para os participantes sobre esta disciplina e axudaraos a prepararse na marcha nórdica.

A continuación, entre as 11.00 e as 13.00h, os e as asistentes percorrerán a Ruta do Tambre acompañados tamén por Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente, que será a encargada de explicar os recursos naturais que se irán atopando durante o paseo. Ao remate da andaina, o Concello servirá un almorzo saudable deseñado pola nutricionista municipal, tralo que os participantes regresarán en autocar a Bertamiráns e Milladoiro.

Para participar nesta actividade gratuíta é necesario inscribirse antes das 14.00 horas deste xoves 4 de xullo, enviando un correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou mediante o teléfono 649 450 264.

Un percorrido pola Ruta do Tambre

A ruta comeza na praia fluvial de Tapia, dende onde os participantes percorrerán uns seis  quilómetros pola marxe esquerda do río cara á Ponte Maceira, pasando preto do lugar de Oca, ata chegar a altura de Lens, onde se abandonará esa marxe do río. Alí, o camiño leva aos camiñantes polo medio da aldea, onde poderán ver o pazo do lugar así como a Igrexa barroca do século XVIII. Dende alí accedese á estrada xeral preto de Oca, a través dun camiño de monte, tralo que se baixa polo medio da aldea ata chegar á Igrexa da Virxe do Corpiño. Dende alí accedese a un camiño de monte que leva directamente ao punto inicial de partida, a Praia Fluvial de Tapia.

Portada da andaina saidable pola Ruta do Tambre

Multimedia

  • Cartel da andaina saidable pola Ruta do Tambre