Solapas principales

Últimas prazas para asistir ao concerto Parabéns para nós! da Gramola Gominola, a primeira actividade do programa Apego

Lunes, 02 de febrero de 2026

O programa Apego inaugura a programación do primeiro semestre de 2026 este venres 6 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, co concerto Parabéns para nós!, do grupo A Gramola Gominola. Durante seis meses, os nenos e nenas de Ames poderán gozar dunha morea de actividades lúdicas que os acheguen á nosa cultura e idioma. O prazo de inscrición para poder participar nesta primeira actividade remata o vindeiro xoves 5 de febreiro. Para inscribirse, precisase enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal.

O proxecto Apego volve un ano máis ao Concello de Ames con diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes primeiros meses do ano. Na ampla variedade de propostas inclúese o concerto Parabéns para nós!, do grupo A Gramola Gominola. Con esta actuación, a banda celebra o seu décimo aniversario ao grande, na que non faltará a música, o humor e o rock&roll. 

A actuación será moi especial, xa que, durante o transcurso do concerto, vaise gravar en directo o quinto disco da Gramola Gominola, titulado, precisamente, Parabéns para nós! Con esta decisión, o grupo busca recoller a enerxía dun directo dentro dun disco e darlle un agasallo ao seu público por todos estes anos de apoio incondicional. 

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro xoves 5 de febreiro, un día antes do concerto. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude. 

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Últimas prazas para asistir ao concerto Parabéns para nós! da Gramola Gominola, a primeira actividade do programa Apego

Multimedia

  • Últimas prazas para asistir ao concerto Parabéns para nós! da Gramola Gominola, a primeira actividade do programa Apego