- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza ao longo desta semana, do 22 ao 25 de outubro, a vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Maxia de Ames. Este festival conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. Quedan poucas prazas dispoñibles para participar nos obradoiros de maxia. Así mesmo, aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para a sesión das 17.00 horas do espectáculo “Patapatún”, do Mago Paco, do xoves 22 de outubro, para os obradoiros de maxia, e para as sesións da Gala Máxica Internacional, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Esta semana volverá a celebrarse unha nova edición do Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, unha das actividades culturais máis lonxevas do concello e que máis expectación xeran entre a veciñanza amesá. Na súa vixésimo primeira edición, o festival desenvolverase desde o xoves 22 ata o domingo día 25.
Na actualidade aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para tres sesións da Gala Máxica Internacional e para asistir á sesión das 17.00 horas do espectáculo “Patapatún”, presentado polo Mago Paco, e que está dirixido a nenos e nenas de 1 a 4 anos. Tamén quedan algunhas prazas libres para as sesións dos obradoiros de maxia que se imparten en Bertamiráns e no Milladoiro.
Oferta para tódalas idades
A programación do FestiMax desta nova edición é moi diversa e está pensada para entreter ao público de todas as idades. Comezando pola primeira actividade, o espectáculo “Patapatún” presentado polo Mago Paco, dirixido aos máis cativos, aos pequenos e pequenas de entre 1 e 4 anos do concello. O Mago Paco é un dos magos galegos máis aclamados do momento, que está despuntando en tódolos festivais, sempre aportando a maxia infantil da que el é experto.
Esta actividade terá lugar o xoves, 22 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas sesións, a primeira ás 17.00 horas; e a segunda ás 18.15 horas. Poderán asistir un máximo de dous adultos por neno ou nena. Para este espectáculo só quedan algunhas entradas dispoñibles para a sesión das 17.00 horas.
Tamén da man do Mago Paco, o venres 23 de outubro presentarase o espectáculo infantil “Xoga e Maxia” na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. A idade recomendada para asistir ao espectáculo é a partir dos 4 anos. As entradas para este espectáculo están esgotadas.
Por outra banda, haberá maxia para as persoas maiores. Para elas chega, dende Valladolid a maga Martilda, que será a encargada de levarlles a ilusión aos nosos maiores. Esta profesional ofrece máis de 50 shows por ano, moitas veces en residencias de maiores, sendo ela a persoa perfecta para encargarse desta xornada. Este espectáculo para os maiores será o venres 23 de outubro , ás 11.00 horas no Local dos Maiores de Bertamiráns, e ás 17.00 horas no Local JUPEMI do Milladoiro.
Obradoiros de maxia
Nesta ocasión os obradoiros de maxia correrán ao cargo de Samuel Moreno, que chega de Pontevedra, para ensinar os primeiros trucos de maxia. Cada sesión contará con 12 participantes por grupo, de entre 8 e 14 anos. Aínda quedan algunhas prazas libres para poder participar nestes obradoiros.
As quendas no Milladoiro serán o sábado 24 de outubro, unha ás 11.00 horas e outra ás 12.00 horas na Casa da Cultura. No caso de Bertamiráns, poderase desfrutar deste obradoiro o domingo 25 de outubro, ás 11.00 e ás 12.00 horas, tamén na Casa da Cultura. Para poder participar nestes obradoiros será preciso inscribirse a través do enderezo de correo cultura@concellodeames.gal. Hai que enviar nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.
Maxia internacional
O prato forte do festival chegará a fin de semana do 24 e do 25 de outubro, coa Gala Máxica Internacional, na que participan algúns dos magos máis premiados do momento. Así, mesturarase maxia de diferentes estilos e procedencias para crear unha experiencia única.
A Gran Gala Máxica Internacional estará presentada polo mago Dani Polo e contará coa participación de David Díaz, procedente de Madrid, que nos ofrecerá un espectáculo de manipulación no que as ferramentas de traballo son as súas propias mans, empregando latas de refresco; Cástor & Pólux, que chegan de Valencia, dous xemelgos exactos que nos amosarán que comparten moito máis que parecido físico, senón que tamén contan cunha conexión telepática que levan practicando dende que naceron; o arxentino Mirko Callaci, gañador do Premio Mundial de Maxia hai uns anos, converténdose nun referente neste ámbito; e para pechar a gala, dende Barcelona, contarase con Mag Marín, cunha maxia con moitas novidades e que combina ilusións con grandes aparellos e tamén con comicidade.
Esta proposta está dirixida a público maior de 6 anos e representarase o sábado 24 na Casa da Cultura do Milladoiro nunha primeira sesión ás 17.00 horas, e nunha segunda ás 19.30 horas. O domingo 25 terá lugar no mesmo horario na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir ás Galas Máxicas aínda quedan algunhas entradas dispoñibles.
A venda de entradas faise a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Últimas entradas a la venta para el Festimax de Ames"











