Solapas principales

Tuco Cerviño presenta a súa primeira novela “Un taxi verde e un concerto” dentro do programa Encontros Literarios

Martes, 06 de febrero de 2024

A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este xoves, 8 de febreiro, coa presentación da novela “Un taxi verde e un concerto”,  de Tuco Cerviño. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Tamén asistirá o párroco de Ames, José María Ripoll. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. Estas presentacións tratan de dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza de Ames. Este programa contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.

Este quinto encontro literario da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista ao médico, político e escritor Tuco Cerviño, que presentará a súa primeira obra “Un taxi verde e un concerto”, editada por Galaxia. O acto, que terá lugar este xoves 8 de febreiro no pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 horas, estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García. Tamén asistirá o párroco de Ames, José María Ripoll. A entrada será libre ata completar aforo.

Tuco Cerviño
Licenciado en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, exerceu como nefrólogo nos hospitais universitarios de Santiago de Compostela e A Coruña, e foi xerente deste último e do Gregorio Marañón de Madrid. Ademais, é académico correspondente da RAG.

Activo na política desde a universidade, foi militante da JEC (Juventud Estudiante Católica), fundador da ADEG (Asociación Democrática de Estudantes Galegos) e destacado dirixente estudantil. Foi membro do PSdeG-PSOE desde 1993, deputado no Parlamento de Galicia durante catro lexislaturas e concelleiro de Oleiros entre 1995 e 2003.

Sinopse de “Un taxi verde e un concerto”
Por este intenso relato transita a memoria da familia do autor, que se remonta ata o século XIX, con historias de masóns, republicanos, socialistas, galeguistas, conservadores, falanxistas, peronistas; desterros, cadea, exilio, depuracións, tribunais franquistas, emigración, viaxes, revolucións. A Guerra Civil e as súas consecuencias. Profesoras de universidade e mulleres sachando, canteiros e labregos, mestres, médicos e avogados. E tamén o mundo rural de Cotobade, o Instituto e a adolescencia na Pontevedra dos cincuenta, a Compostela dos sesenta, a universidade e as persoas e organizacións do conflito do 68.

En palabras do propio Tuco Cerviño: “Toda a miña vida está aquí, entre a viaxe co tío Coca, que me levou a Raxó nun taxi verde, e o concerto de Voces Ceibes na Aula Magna de Medicina en abril de 1968. O que vén logo é un simple agromar, enfiado polo traballo e as oportunidades, as aproveitadas e as desbotadas”.

Sesións da nova tempada
Ademais, para pechar o mes de febreiro, o xoves 22 Ana Valín presentará “La muerte de Alicia”, da editorial El Talón de Aquiles.

 Tuco Cerviño presenta a súa primeira novela “Un taxi verde e un concerto” dentro do programa Encontros Literarios

Multimedia

  •  Tuco Cerviño presenta a súa primeira novela “Un taxi verde e un concerto” dentro do programa Encontros Literarios