Solapas principales

Tres atletas de Ames participarán esta fin de semana no campionato de España sub20

Jueves, 16 de julio de 2026

O Estadio Universitario de Albacete acollerá esta fin de semana, os días 18 e 19 de xullo, o Campionato de España Sub-20 de atletismo ao aire libre. Esta competición será a antesala do Campionato do Mundo da categoría, que se celebrará o próximo mes de agosto en Oregón (Estados Unidos). Neste Campionato de España participan 55 atletas galegas e galegos entre os que se atopan tres atletas amesáns como son Nico Collazo, do Ames atletismo Savante; María Estévez, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra; e Lucas Pena, tamén da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Un total de 830 atletas nados entre 2007 e 2008 daranse cita os días 17 e 18 de xullo, no Estadio Universitario de Albacete para disputar o Campionato de España Sub-20 de atletismo ao aire libre. A competición máis importante desta categoría no calendario nacional chega a terras manchegas baixo a organización da Real Federación Española de Atletismo, en estreita colaboración coa Federación de Atletismo de Castela A Mancha, o Instituto Municipal de Deportes e o Concello de Albacete.

A expedición galega estará representada por un total de 55 atletas, que parten co obxectivo de superar os 14 postos de finalistas e as seis medallas acadadas no pasado Campionato de España celebrado en Badaxoz. No equipo galego hai tres atletas do concello de Ames como son Nico Collazo, do Ames atletismo Savante; María Estévez, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra; e Lucas Pena, tamén da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

O amesán, Nico Collazo, do Ames Atletismo Savante, lidera por marca a inscrición dos 5 km marcha co obxectivo posto no título e nunha das prazas para o mundial, que se celebrará o próximo mes de agosto en Oregón (Estados Unidos).

Especial interese espertara a proba dos 3.000 metros obstáculos femininos, onde competirán as tres galegas que o pasado ano coparon o podio nacional: as irmás Demeku e Debritu Paniagua, internacionais esta tempada e líderes destacadas da proba, xunto coa amesá, María Estévez, da Gimnástica de Pontevedra. As tres afrontan ademais o seu primeiro ano na categoría sub20.

Na competición masculina dos 3.000 metros obstáculos, as opcións galegas pasan polo lucense do Lucus, Teo de Frutos, tamén internacional, e polo amesán Lucas Pena da Gimnástica de Pontevedra

A competición retransmitirase en exclusiva e baixo rexistro gratuíto a través de RTVEPlay e os resultados en directo poderanse seguir na plataforma Smartrack e na conta de X de @atletismoRFEA co hashtag #CEatletismoSub20.

Campionato de Galicia sub20 
Por outra banda, cómpre destacar os bos resultados obtidos polos tres atletas de Ames nos campionatos de Galicia sub20, que se disputaron no complexo lúdico-deportivo de Monterrei, en Pereiro e Aguiar, os días 20 e 27 de xuño.

O pasado 20 de xuño, Nico Collazo, acadou a medalla de ouro, cun tempo de 20.02.46, na proba masculina de 5.000 metros marcha, mentres que o 27 de xuño, María Estévez gañou a medalla de ouro, cun tempo de 2.14.43, na proba feminina de 800 metros, e Lucas Pena foi segundo logrando a medalla de prata, cun tempo de 1.55.73, nesta mesma proba de 800 metros na categoría masculina. Os tres atletas de Ames acadaron a súa mellor marca persoal nos campionatos de Galicia sub20.

Tres atletas de Ames participarán esta fin de semana no campionato de España sub20