- Tematica
Tenreira guisada con patacas, chícharos e cenoria. O segundo prato do menú de hoxe nos comedores escolares de Ames elaborouse cos 80 quilos de carne con denominación de orixe que o Concello recibiu de “Tenreira Galega”, a través do programa “Come Local”. Esta campaña responde á intención de promover o consumo de produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade. Está previsto continuar introducindo estes produtos nos menús da Rede municipal de comedores escolares de Ames. A vindeira semana incluiranse patacas, cabaciñas e outros produtos de horta procedentes de CRAEGA, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.
O prato serviuse nos comedores dos colexios de primaria e das escolas infantís. Probaron a tenreira galega preto de 1.500 nenos e nenas que decotío xantan nestes comedores municipais. “Queremos expresar todo o noso agradecemento a Tenreira Galega por esta achega que pon en valor aínda máis o servizo de excelencia dos comedores municipais de Ames. Cremos que unirnos a este tipo de campaña ten unha importancia extraordinaria xa que valoriza a produción local galega, ademais de que contribúe a educación alimentaria que pretendemos ofrecer na nosa rede de comedores”, manifesta o concelleiro de Educación, David Santomil.
Os comedores escolares municipais de Ames sumáronse á campaña "Come Local" para achegar produtos galegos de calidade ás crianzas, o pasado 16 de outubro, coincidindo coa conmemoracións do Día Mundial da Alimentación. A través desta iniciativa preténdese promover o consumo de produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade. O concelleiro de Educación, David Santomil, reunirase coa presidenta da asociación Slow Food Compostela para establecer as propostas de educación alimentaria.
Froito deste compromiso acordouse que durante o primeiro trimestre do curso escolar introduciranse nos menús dos comedores escolares municipais de Ames diferentes produtos galegos dos consellos reguladores. Polo tanto, incorporaranse ás dietas alimentos como o queixo, o mel, carne, pan, patacas ou fabas, entre outros produtos de tempada, que veñen a sumarse aos xa ofrecidos habitualmente polos provedores locais.
Slow Food
A campaña da Xunta de Galicia “Come Local” lévase a cabo coa colaboración da asociación Slow Food Compostela. O movemento internacional Slow Food, emerxido en Italia nos anos 90, contraponse á estandarización do gusto na gastronomía e promove a difusión dunha nova filosofía que combina pracer e coñecementos. O obxectivo é salvagardar as tradicións gastronómicas rexionais, con os seus produtos e métodos de cultivo. Oslo Fodo avoga por reducir o consumo de comida rápida para cederlle protagonismo á comida boa e xusta.
Comedores Km 0
O Concello de Ames ten interese en acreditar os comedores escolares municipais como "Comedor Km 0" (quilómetro cero). Trátase dun proxecto organizado por Slow Food Compostela para facilitar o cambio da xestión dos comedores, de xeito que transmitan unha cultura agroalimentaria aos rapaces e rapazas desde pequenos.
Esta rede, á que pertencen 4 centros educativos galegos, certifica a proximidade dos produtos de alimentación e dos seus provedores. Deste xeito, avaliarase a trazabilidade dos produtos de alimentación utilizados na elaboración dos menús nas dúas cociñas situadas na EEI do Milladoiro e no CEIP Agro do Muíño, así como nas escolas infantís municipais EIM O Bosque e EIM Madalena. Hoxe, coa introdución de carne de “Tenreira Galega”, no menú dos comedores, deuse un paso máis.
Novas relacionadas:
Revista AmesGo: "‘Come Local’ leva a mellor tenreira aos comedores escolares"