Solapas principales

Tramitados preto de 1.400 abonos para as piscinas municipais descubertas de Ames no verán

Jueves, 01 de septiembre de 2022

Neste período estival de 2022 a Concellaría de Deportes emitiu un total de 1.379 carnés para facer uso das piscinas descubertas municipais do Milladoiro e de Bertamiráns, o que se traduce nun número aproximado de 4.000 persoas usuarias ao longo do verán. Neste senso, en total tramitáronse 1.008 solicitudes de abonos familiares para toda a tempada e 371 carnés individuais. Tanto as piscinas municipais como a área recreativa de Tapia permanecerán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

A campaña de emisión de abonos para as piscinas ao aire libre dos dous núcleos urbanos de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, vén de rematar o pasado venres 12 de agosto. O acceso a estas piscinas, abertas dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, está limitado ás persoas con carné, xa que non se emiten entradas únicas, e acollen outras actividades ao longo do verán, como cursos de natación ou sesións de aquagym e ioga.

Neste 2022, a Concellaría de Deportes tramitou un total de 1.379 carnés para estas dúas piscinas, o que fai un número estimado de 4.000 persoas usuarias. En total foron emitidos 1.008 abonos familiares para toda a tempada, que poden empregar varios membros dunha mesma unidade familiar, e 371 carnés individuais. Esta cifra inclúe 210 abonos de tempada e 146 abonos mensuais para persoas adultas, ademais doutros 15 carnés dun mes para menores de 18 anos.

O prezo destes carnés, que se puideron retirar ata o venres 12 de agosto, varía entre os 5 e os 20 euros, dependendo da súa duración, da idade ou das persoas que inclúa. O carné familiar de tempada custa 20 euros; o individual para toda a tempada, uns 14 euros, e o abono de tempada para menores de 18 anos, uns 7 euros. Ademais, no caso dos carnés mensuais, o custo é de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos. Os prezos contan con reducións para familias numerosas e con poucos recursos, e os menores de 4 anos están exentos de pago.

O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo. Pola súa banda, a praia fluvial de Tapia, de acceso libre e de balde, está aberta de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Estas instalacións estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cuatro mil maianos utilizaron las piscinas y decenas probaron el yoga, taichí o chikung"

AMSGO!: "Uns 4.000 veciños desfrutaron das piscinas de Bertamiráns e do Milladoiro este verán"

Imaxe da piscina descuberta de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe da piscina descuberta de Bertamiráns
  • Imaxe da piscina descuberta do Milladoiro