Solapas principales

Teresa Pereiro convértese na primeira xogadora do F.C. Meigas en ser convocada coa Selección Española de fútbol sala sub19

Viernes, 15 de noviembre de 2019

O Fútbol Club Meigas segue medrando e nesta ocasión unha das súas xogadoras, a capitá do primeiro equipo, Teresa Pereiro, foi convocada coa Selección Española sub 19 de fútbol sala, para disputar dous partidos amistosos contra a Selección de Portugal. A xogadora do club amesán estará concentrada do 17 ao 21 de novembro en Ibi (Alacante).

O pasado venres, 8 de novembro, a Real Federación Española de Fútbol poñíase en contacto co F.C. Meigas para comunicarlle que Teresa Pereiro era convocada coa Selección Española sub 19 de fútbol sala. Trátase dun feito histórico para o F.C. Meigas xa que nos 15 anos de vida deste club é a primeira xogadora en ir convocada coa Selección Española sub19 de Fútbol Sala.

Deste xeito, Teresa Pereiro estará do 17 ao 21 de novembro concentrada  en Ibi (Alacante), para disputar dous partidos amistosos contra a Selección de Portugal. A convocatoria da Selección Española súmase á convocatoria da Selección Galega sub19, onde Teresa xa é unha habitual nas listas de Jorge Basanta e que o próximo mes de decembro iniciará a súa andaina no Campionato de España en Betanzos.

Segundo indican dende o F.C. Meigas, Teresa Pereiro está a vivir unha gran tempada tanto a nivel individual como a nivel colectivo. Ademais dos bos resultados acadados polo primeiro equipo, que o colocan na primeira posición sen perder un só punto, Teresa lidera, xunto a súa compañeira Estela, a clasificación de goleadoras con 12 goles en 5 partidos realizando grandes actuacións en todos os partidos.

Dende o Concello de Ames felicitan tanto a Teresa Pereiro como ao F.C. Meigas por esta convocatoria, xa que é o resultado de anos de traballo, sacrificio, esforzo e constancia. A convocatoria de Teresa Pereiro coa Selección Española reafirma a filosofía do F.C. Meigas onde se busca sempre a mellor versión de cada xogadora. Teresa é o mellor espello onde poden mirarse as xogadoras de base do F.C. Meigas.

Imaxe de Teresa Pereiro, xogadora do F.C. Meigas

Multimedia

  • Teresa Pereiro convértese na primeira xogadora do F.C. Meigas en ser convocada coa Selección Española de fútbol sala sub19