Solapas principales

A terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso” xa ten gañador

Miércoles, 19 de enero de 2022

Este mércores 19 de xaneiro realizouse o sorteo da campaña “Ilumina o teu sorriso”, que volveu por terceiro ano consecutivo co fin de dinamizar e fomentar o comercio e a hostalaría local. O gañador foi o veciño Pablo Tarrío Goy, que recibirá un teléfono de última xeración doado por Rueiro Clínica Dental. Ao acto do sorteo asistiron representantes das asociacións de comerciantes e empresarios de Ames, de Rueiro Clínica Dental e do estudo Javier Troitiño Fotógrafo, acompañados de persoal técnico do departamento de Promoción Económica e da súa concelleira, Ana Belén Paz.

A campaña “Ilumina o teu sorriso” está organizada polas tres asociacións de comerciantes e empresarios amesás, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Viorneira Palmira Bulevar e Parque Empresarial Novo Milladoiro, coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica, Rueiro Clínica Dental e o estudo Javier Troitiño Fotógrafo.

Para participar no concurso, as persoas participantes debían realizar e enviar dúas fotos en dúas das seis localizacións sinaladas pola organización, seleccionadas por contar con elementos destacados do alumeado de Nadal amesán: as prazas do Concello, da Maía e de Chavián, en Bertamiráns, e as prazas de Manuel Murguía e da Madalena, ademais de Anxeriz, no Milladoiro.

O sorteo celebrouse esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Ames, coa presenza da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); Salomé Blanco, da asociación Parque Empresarial Novo Milladoiro; Beatriz López Orgales, xerente de XEA; David Fernández, de Rueiro Clínica Dental; Javier Troitiño, do estudo Javier Troitiño Fotógrafo, e o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago.

O número que saíu elixido foi o 25, asignado ao veciño Pablo Tarrío Goy, ao que xa lle comunicaron o resultado do sorteo. Nas próximas datas entregaráselle o seu premio, un teléfono de última xeración doado por Rueiro Clínica Dental.

Ademais, e coa campaña xa concluída, o estudo Javier Troitiño Fotógrafo organizará unha exposición con todas as fotografías que participaron no concurso nos establecementos asociados ás tres asociacións de empresarios e comerciantes, despois de que xa foran publicadas no Instagram e no Facebook @amesnarua.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, afirmou que o seu departamento “está moi contento coa participación nesta edición do concurso”, e sinalou que continuará nos vindeiros anos, xa que “ao mesmo tempo serve de medio de difusión das demais campañas que se desenvolven para favorecer o tecido empresarial de Ames”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Pablo Tarrío gana la campaña comercial «Ilumina o teu sorriso» de Ames"

El Correo Gallego: "A foto que ‘Ilumina o teu sorriso’ é de Pablo Tarrío"

A terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso” xa ten gañador

Multimedia

  • A terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso” xa ten gañador
  • A terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso” xa ten gañador