Solapas principales

A tenda Máis que louza recolle máis de 300 quilos de doazóns para a Oficina de Voluntariado de Ames

Viernes, 29 de abril de 2022

O establecemento de Bertamiráns Máis que louza vén de recadar máis de 300 quilos de doazóns de vaixela na súa campaña solidaria “Doando sempre gañas”, que se desenvolveu dende o 15 de marzo ata o 16 de abril. A tenda recolleu os aveños aportados pola veciñanza amesá, que a cambio recibiu un 5% de desconto para facer compras no establecemento. A louza xa foi recollida pola Concellaría de Benestar Social, que a través da Oficina de Voluntariado xa está a repartir estes bens entre a poboación.

A campaña de recollida de louza e aveños “Doando sempre gañas” rematou cun grande éxito de colaboración e solidariedade, conseguindo xuntar máis de 300 quilos de louza. Pratos, vasos, cuncas, canecas, cubertos, potas, tixolas, e calquera tipo de aveño básico contou para sumar e axudar ás persoas do concello que máis o precisen.

Deste xeito, a tenda Máis que louza colaborou coa Oficina do Voluntariado de Ames, recollendo a louza dende o 15 de marzo ata o 16 de abril, e gardándoa ata ser recollida por este departamento municipal, que xa xestiona outras campañas de recolección ao longo do ano, como de alimentos ou de agasallos.

A solidariedade da veciñanza tivo tamén a súa recompensa, xa que todas aquelas persoas que realizaron doazóns gozaron dun desconto do 5% no propio establecemento durante o propio día no que se realizou a doazón.

Unha vez que a louza e os diferentes aveños foron recollidos e almacenados pola Oficina de Voluntariado durante o mes de abril, o servizo comezou xa a repartir e distribuír as doazóns entre a poboación amesá que os necesite. A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, quixo “agradecer iniciativas e colaboracións coma estas que reverten no propio concello, para seguir sumando e axudando entre todas e todos”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Centos de quilos de louza para os máis necesitados"

A tenda Máis que louza recolle máis de 300 quilos de doazóns para a Oficina de Voluntariado de Ames

Multimedia

  • A tenda Máis que louza recolle máis de 300 quilos de doazóns para a Oficina de Voluntariado de Ames