Solapas principales

Teatro do maxín representa este domingo en Bertamiráns "A pequena Lúa"

Jueves, 10 de marzo de 2011

[10-03-2011] Teatro do maxín, a compañía de teatro de monicreques que comezou a súa andaina profesional polo 2007 volve ás táboas coa obra "A pequena Lúa", peza de carácter familiar cunha duración de 50 minutos que os interesados poderán ver na Casa da Cultura de Bertamiráns este domingo 13 de marzo a partir das 17:00 horas. Así pois, as familias con rapaces están convidadas a pasar unhas horas de divertimento coas aventuras de Lúa. O despacho de entradas -3 euros para maiores de 12 anos, 50% de desconto para menos de 12, estudantes con carné e maiores de 65 anos- estará aberto 30 minutos antes do comezo da función.

Un domingo máis hai teatro, e do bo, en Ames, mais, neste caso, non de carne e oso, senón de pau e tela: os monicreques da compañía de Muros "Teatro do maxín". Esta compañía ten xa unha longa experiencia profesional dado que comezou no mundo das táboas en 2007 e dende entón non deixou de percorrer os escenarios do país cos seus espectáculos, buscando a realización de pezas propias e orixinais onde teñan cabida valores como a tenrura, o respecto, a perseveranza e a ilusión.

Na actualidade conta con catro obras de monicreques: a "A pequena Lúa", "Chincha Rabincha", "A caixa de Nuk" e "O rei destronado", obras coas que estiveron presentes en diversos festivais de monicreques como o Titirisanse de Madrid, o Titirideza de Lalín, o Festival UNIMA CYL de Soria ou o Galicreques de Compostela. Forman parte, ademais, dos distintos circuítos teatrais promovidos pola Deputación da Coruña.

Un dos principais obxectivos desta compañía é presentarlle ao público infantil, xuvenil e familiar propostas escénicas de grande calidade. Deste xeito, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este domingo, ás 17:00 horas, unha das pezas de monicreques desta compañía, "A pequena Lúa". As entradas estarán a venda 30 minutos antes do comezo da función.

A pequena Lúa

Este peza de monicreques relata a historia dun gato -o protagonista- viaxeiro, poeta, bohemio e chicharacheiro que despois de coñecer a unha linda gatiña, comezarán unha nova andaina na que con cariño e comprensión descubrirán os segredos da vida e que, con versos e ilusión, calquera dificultade se pode vencer.

A dirección da obra corre a cargo de Luís Vallecillo, que xunto con Celtia Figueiras son os autores do texto. Durante a posta en escena, Luís Vallecillo encargarase do son e iluminación mentres que Celtia farase cargo de darlle vida aos monicreques. Os decorados, son obra de Sergio David Perdiguero.