Solapas principales

SOGAPS organiza unha andaina solidaria para colaborar cunha caravana de alimentos para os campamentos saharauís

Sábado, 30 de abril de 2022

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza este próximo sábado 7 de maio unha andaina solidaria co fin de recadar fondos para unha caravana de alimentos que se vai enviar proximamente aos campamentos de refuxiados saharauís. Percorrerase a ruta do Rego da Andoriña, partindo da praia fluvial de Tapia ás 10:30 horas. As persoas participantes colaborarán achegando unha cantidade simbólica de cinco euros, e un euro máis no caso de seren acompañadas dalgunha mascota. Para participar na actividade, na que colabora o Consello sectorial de nenas e nenos do Concello de Ames, cómpre contactar co número de teléfono 609 76 49 45, ou ben escribir ao enderezo eybarra.sogaps@gmail.com.

SOGAPS volve a organizar unha andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña, nesta ocasión coa colaboración do Consello sectorial de nenas e nenos. Os rapaces e rapazas que compoñen este grupo de traballo veñen de poñer en marcha unha campaña de recollida de material escolar, roupa deportiva e alimentos non perecedoiros para os campamentos saharauís, na que colaboran con SOGAPS.

Neste senso, no foro de participación do Consello sectorial, recibiron a Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que lles falou da situación das nenas e nenos saharauís. Despois, a rapazada do grupo deseñou de xeito conxunto un cartaz para a campaña, que titularon “Hai que velo cos seus ollos”.

Para contribuír a esta campaña, que conta con varios puntos de recollida nos CEIP de Barouta, A Maía e Agro do Muíño, o CEP de Ventín e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, a asociación SOGAPS organiza unha andaina na que as persoas participantes terán que pagar unha cantidade simbólica. Cada persoa aboará cinco euros, mentres que por cada mascota que participe aportarase un euro adicional.

A ruta solidaria partirá da praia fluvial de Tapia o próximo sábado 7 de maio, ás 10:30 horas. Dende alí comezará a ruta do Rego da Andoriña, un traxecto de arredor de 6 quilómetros polos que se poderá gozar da natureza, do río e de diferentes puntos históricos de interese. A inscrición na andaina pódese facer a través do número de teléfono 609 76 49 45, ou ben no enderezo electrónico eybarra.sogaps@gmail.com.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Recaudan fondos para el Sáhara con un caminata desde Tapia"

SOGAPS organiza unha andaina solidaria para colaborar cunha caravana de alimentos para os campamentos saharauís