Solapas principales

Segundo encontro literario de outubro con Fernando Franjo e “Memorias do Café Derby”

Lunes, 17 de octubre de 2022

As bibliotecas amesás celebran unha nova edición dos seus encontros literarios, nesta ocasión acollendo ao xornalista Fernando Franjo e ao seu libro “Memorias do Café Derby (1929-2020)”. Será este xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor Xosé Antonio López Silva, autor, investigador e crítico, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

O departamento de Bibliotecas de Ames organiza esta semana o seu segundo encontro literario do mes de outubro, co xornalista Fernando Franjo como protagonista. Neste curso 2022-2023, xa pasaron polos encontros das bibliotecas Xosé Manoel Núñez Seixas, Eduardo Estévez, Diego Rojo e Krzysztof Powałka. A seguinte cita será co escritor Alfredo Conde, o vindeiro xoves 4 de novembro.

“Memorias do Café Derby (1929-2020)” busca recoller parte da historia e da alma dun dos establecementos máis emblemáticos da cidade de Santiago, polo que ao longo de case un século de vida pasaron grandes figuras como Valle-Inclán, Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Evita Perón, ou Federico García Lorca. O traballo inclúe unha serie de 130 fotografías e documentos, así como testemuños de varias xeracións protagonistas dos inesquecibles faladoiros do Derby, e analiza ademais o valioso e singular patrimonio decorativo e artístico do local.

Fernando Franjo (Monforte de Lemos, 1963) é xornalista e promotor cultural. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, conta cun Mestrado en Xornalismo Turístico polo Instituto Europeo de Xornalismo e Comunicación. Como mostra neste último traballo, dedicado ao Café Derby de Santiago, Franjo está especializado no estudo e na visibilización dos cafés históricos. É representante en España e asesor da European Cafes Routes; ten organizado eventos, escrito libros como “Cincuenta Cafés históricos de España y Portugal”, e mesmo obtivo en 2020 o premio da Rede Europea de Turismo Cultural pola proposta “Rede de Cafés Históricos na Península Ibérica”, na que traballou coa Asociación de Cafés com Historia de Portugal.

No encontro literario, o autor estará acompañado de Xosé Antonio López Silva, autor, investigador e crítico. Pola súa banda, o acto estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Segundo encontro literario de outubro con Fernando Franjo e “Memorias do Café Derby”

Multimedia

  • Segundo encontro literario de outubro con Fernando Franjo e “Memorias do Café Derby”