Solapas principales

A rúcula silvestre é a protagonista do Delas Fest en Ames

Lunes, 19 de julio de 2021

A artista visual Doa Oa rematou onte a súa rúcula silvestre. A veciñanza amesá xa pode gozar da intervención da artista lucense nas paredes da Casa de Barbazán, na rúa travesía de Lodeiro en Bertamiráns. O Delas Fest deixa outro mural en Ames, desta volta realizado polas oito participantes dos obradoiros de introdución ao muralismo que se celebraron o sábado 17 e o domingo 18 de xullo no paseo fluvial de Bertamiráns.

O Concello de Ames acolleu por terceiro ano consecutivo a programación do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. A principal pegada do paso do Delas Fest polo Concello de Ames é a intervención que a artista lucense Doa Ocampo Álvarez, coñecida artisticamente como Doa Oa, realizou nas paredes da Casa de Barbazán, na rúa travesía de Lodeiro en Bertamiráns. A figura central do mural é unha rúcula silvestre. A artista inspirouse na información sobre plantas silvestres e comestibles que lle facilitou a veciñanza do municipio. De todas as propostas a artista seleccionou a rúcula silvestre polo seu descoñecemento e polas propiedades medicinais e gastronómicas desta planta. O mural da Casa de Barbazán amosa a semente, as follas e a flor da rúcula silvestre. Esta obra, que se enmarca no proxecto “Reforestando”, busca que nos reconectemos co medio, que lle devolvamos ao mundo vexetal espazos que lle foron arrebatados e, á vez, osixenar localizacións urbanizadas con intervencións artísticas protagonizadas por motivos naturais.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, manifestou que “Pese a complexa situación que atravesa o sector cultural como consecuencia da crise da COVID-19 o Delas Fest chega a súa III edición deixando unha fermosa pegada no noso concello, defendendo a práctica da arte urbana como unha arte contextual creando unha relación entre as intervencións e a historia de onde se realiza, convertendo o espazo físico que as acolle en parte delas, á vez que reivindica o papel da muller na rúa e na cultura urbana”.

Ademais, a equipa artística de 7H Cooperativa Cultural impartiu un taller de iniciación á pintura mural, que se desenvolveu o sábado e o domingo na zona do Paseo Fluvial. Oito persoas participaron na idea e execución do mural que xa se pode visitar no paseo fluvial de Bertamiráns. Na xornada do sábado as participantes deseñaron o bosquexo e indagaron na flora da contorna para na xornada do domingo poñerse mans á obra coa elaboración da composición. O resultado é unha figura humana da que brotan elementos naturais. Con esta obra queren trasladar que o ser humano é parte da natureza  e que para coidar da terra é preciso coidar de nós mesmos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego:"O Delas Fest converteu a Ames na capital galega da arte urbana e o muralismo"

La Voz de Galicia: "La rúcula silvestre, protagonista en el Delas Fest de Ames"

Mural da artista Doa Oa en Bertamiráns

Multimedia

  • Mural da artista Doa Oa en Bertamiráns
  • Mural da artista Doa Oa en Bertamiráns
  • Mural das participantes do Obradoiro de introducción ao muralismo
  • Mural das participantes do Obradoiro de introducción ao muralismo
  • Mural das participantes do Obradoiro de introducción ao muralismo