Esta semana comeza a sexta edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten a finalidade de achegar o cinema de actualidade á veciñanza amesá. A primeira cita das tres sesións programadas no Abril de Cine deste ano terá lugar este xoves 9 de abril, ás 20.00 horas no auditorio do Milladoiro, coa proxección do filme “Rondallas”. A xornada contará coa presenza da actriz galega María Vázquez, unha das protagonistas do filme. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira Electrónica do Concello de Ames.
O inicio do mes de abril trae consigo en Ames, de novo, unha nova edición do ciclo de cinema Abril de Cine. “Rondallas”, de Daniel Sánchez Arévalo, será o filme que inaugure unhas xornadas que pretenden achegar o cinema de actualidade á veciñanza. A proxección terá lugar este xoves, 9 de abril, no auditorio do Milladoiro, ás 20.00 horas. Durante esta xornada contarase coa presenza da actriz galega e unha das protagonistas da película, María Vázquez.
Sobre “Rondallas” e María Vázquez
O filme xira arredor dunha vila galega que, dous anos despois do tráxico naufraxio dun barco pesqueiro, os seus habitantes deciden que xa é hora de recuperar a ilusión e deixar atrás o loito. Motivados por esta mirada cara a adiante, os veciños e veciñas recuperan a rondalla local coa intención de competir nun concurso contra as vilas veciñas.
Rondallas é unha comedia dramática dirixida por Daniel Sánchez Arévalo que se centra na unión da comunidade a través da música tradicional para recuperar a esperanza e a ilusión perdidas tras o naufraxio. No filme aparecen grandes nomes galegos do cinema, como Javier Gutiérrez, Xosé Antonio Touriñán, Marta Larralde, Carlos Blanco ou María Vázquez. Esta última estará presente durante a proxección do filme.
María Váquez naceu en Vigo no 1979 e é unha das actrices máis recoñecidas do panorama galego. Se ben leva no mundo audiovisual dende finais dos anos 90, os sus papeis máis aclamados foron os de Inés, na película española “Mataharis”, e Ramona, na película galega “Matria”. Ademais, tamén encarnou personaxes en series de televisión como “Padre Casares”, “Códice” ou “Fariña”.
Esta lonxeva carreira fíxolle acadar numerosos recoñecementos dentro do panorama cinematográfico. Deste xeito, Vázquez ten no seu haber tres premios Mestre Mateo á mellor actriz, por “O club da calceta”, “Mar libre” e “Trote”, e un á mellor actriz secundaria, por “Quen a ferro mata”; un nomeamento aos premios Goya como mellor actriz secundaria por “Mataharis”; un premio á mellor interpretación nos Ojo Crítico de Cine de RNE por “Mataharis”; e unha medalla á mellor actriz secundaria, tamén por “Mataharis”, outorgada polo Círculo de Escritores Cinematográficos.
Outras dúas proxeccións en abril
Ademais de “Rondallas”, hai outros dous filmes programados nestas xornadas de cinema. O seguinte será “Romería”, o xoves 16 de abril, tamén ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Este filme dramático, dirixido por Carla Simón, narra a historia de Marina Piñeiro, unha moza orfa que viaxa a Vigo para obter información sobre o seu pai biolóxico. Un percorrido que lle permite conectar co seu pasado familiar e reconstruír o relato familiar.
Pechará o ciclo, o xoves 23 de abril, a aclamada película do galego Óliver Laxe Sirât. Nominada aos premios Oscar 2026 na categoría de Mellor película internacional e na de Mellor son, esta peza xira arredor dun pai que viaxa ao Sáhara, acompañado do seu fillo pequeno, para buscar á súa filla maior, desaparecida nunha festa rave hai meses. Do mesmo xeito que os outros dous filmes do programa, Sirât proxectarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20.00 horas.
Para poder acceder a calquera destas tres proxeccións, é preciso mercar entrada. Poderase facer en liña, a través da Billeteira Electrónica do Concello de Ames, ou de maneira presencial o propio día de cada pase no caso de haber dispoñibilidade. As entradas teñen un custo de 3 euros para o público xeral e un prezo reducido de 1,50 euros a estudantes con carné, persoas maiores de 60 anos, persoas menores de 12 anos, familias numerosas, mozos e mozas con carné xove e persoas demandantes de emprego.
Novas relacionadas
amsGO!: "Este xoves, 9 de abril, Rondallas abre o ciclo de Abril de Cine. Asistirá a actriz María Vázquez"







