- Tematica
Esta mañá o Concello de Ames reuniu a Comisión de Seca, integrada no Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca, que foi aprobado por unanimidade no pasado pleno ordinario de xuño. Dita comisión reúnese en situación de alerta, pero decidiuse convocala xa, ante o nivel de prealerta por seca decretado o pasado 11 de agosto pola Xunta de Galicia, para facer un seguimento da situación actual. Ademais, esta mañá o Concello recibiu unha chamada de Augas de Galicia na que se amosou a dispoñibilidade para autorizar o arranxo provisional da presa da Ponte Maceira. Trátase dunha actuación provisional que executaría o Concello de Ames recolocando as pedras de dita presa para evitar que continúe a fuga de auga.
A primeira tenente de alcalde, Susana Señorís, foi a encargada de explicar as mediadas adoptadas ata o de agora como son o peche das duchas das instalacións deportivas e das fontes públicas. Tamén se cortou o rego dos campo de fútbol; das zonas (parques e xardíns), que xa estaba practicamente anulado desde o mes de xullo; e das hortas urbanas. Preme aquí para consultar o bando sobre a prealerta por risco de seca – recordatorio da importancia de minimizar o consumo de auga e facer un uso responsable da mesma.
Susana Señorís explicou que “estamos tendo un problema serio coa falta de auga co cal todas as medidas que se adoptaron son necesarias para evitar futuros cortes de auga á veciñanza. Estamos traballando noutras medidas preventivas para empregar un sistema de bombas que permita abastecer as tubaxes no caso de que quedasen descubertas. Ademais, Augas de Ames está estudando o posible uso de cisternas por se fose necesario levar auga a algún punto do rural”.
A Comisión da Seca é un órgano de seguimento e xestión local creado para coordinar medidas preventivas, restricións e o consumo responsable de auga ante episodios de escaseza hídrica. O Concello de Ames activa esta comisión ante a situación de prealerta por seca. En dita Comisión participaron a primeira tenente de alcalde, Susana Señorís; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; a xerente de Augas de Ames, Genma Otero; o técnico municipal do ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente; a enxeñeira xefa de Augas de Ames, Verónica Castro; e as voceiras do Partido Popular, Oliva Agra; do BNG, Escarlata Pampín; e de Espazo Común, Luísa Feijóo.
Arranxo da presa da Ponte Maceira
A xerente de Augas de Ames, Genma Otero, dixo que esta mañá recibiron unha chamada de Augas de Galicia, a través da cal se amosou a vontade de autorizar ao Concello de Ames para que realice os traballos necesarios para arranxar de forma provisional a presa da Ponte Maceira. Mañá mércores, 19 de agosto, farase unha visita A Ponte Maceira por parte de técnicos de Augas de Galicia e do Concello de Ames, para acordar como se executaría dita actuación transitoria para evitar que continúe a fuga de auga.
O pasado venres, 14 de agosto, solicitouse o correspondente permiso a Augas de Galicia para o arranxo provisional da presa da Ponte Maceira para minimizar a perda de auga neste punto do río Tambre. Trátase dunha actuación provisional que executará o Concello de Ames recolocando as pedras de dita presa, á espera de que Augas de Ames execute dita actuación valorada aproximadamente en 400.000 euros. Trátase dunha medida transitoria debido a situación de prealerta na que se atopa o concello de Ames.
Genma Otero tamén destacou que se están realizando controis diarios sobre o consumo de auga. “Estase controlando o gasto de auga dos grandes consumidores. Na actualidade estamos enviando informes a Augas de Galicia sobre o consumo de auga en Ames. Levamos mes e medio con medidas preventivas e preto de dous meses cunha campaña de concienciación sobre o uso responsable da auga. Notamos a baixada no consumo de auga, pero non podemos baixar a garda porque a situación é complicada”.
Cómpre lembrar que o Concello de Ames e Augas de Ames lanzaron no mes de xuño a campaña “Cada gota conta” para promover o uso responsable da auga. A través de dita campaña fíxose un chamamento á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento e evitar posibles restricións no futuro. Posteriormente,o 9 de xullo publicouse un bando municipal sobre medidas urxentes e extraordinarias para o aforro de auga.
Colaboración cos concellos de Santiago e Brión
Por outra banda, mantivéronse contactos cos Concellos de Brión e Santiago de Compostela para colaborar e tratar de adoptar as mesmas medidas de aforro de auga. Neste senso co Concello de Brión xa se acordaron as mesmas medidas preventivas. Ames e Brión comparte a potabilizadora situada na ribeira do río Tambre.
Co Concello de Santiago de Compostela tratarase de manter proximamente unha reunión entre o concelleiro amesán de Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e o seu homólogo da capital galega, Xesús Domínguez, co obxectivo de coñecer o estado da captación de auga no municipio compostelán. Cómpre destacar que parte da auga consumida en Ames pasa previamente por Santiago de Compostela, polo que resulta necesario coñecer o estado da súa captación para determinar se será necesario establecer novas medidas de restrición.
Plan director para a xestión dos recursos hídricos
Por último, hai que destacar que o persoal Augas de Ames está traballando na redacción dos pregos para a licitación dun plan director a medio/longo prazo para a xestión dos recursos hídricos. Con esta iniciativa o Concello de Ames pretende aproveitar as pluviais e adoptar outras medidas de aproveitamento dos recursos hídricos existentes.








