[01-09-2018] Esta semana remataron as obras para o cambio do pavimento do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Previamente, realizáronse estes mesmos traballos no pavillón do Milladoiro. Estas obras foron adxudicados á empresa Medulio Servicios y Obras SL. Os traballos executados no Milladoiro foron adxudicados por un importe de 65.339,27 euros, mentres que os de Bertamiráns ascenderon a 73.198,95 euros. Así, instalouse un novo pavimento de madeira, axeitado para a alta competición, en ambas instalacións. Ademais, no Milladoiro tamén se construíu unha nova sala-ximnasio anexa ao pavillón, e en Bertamiráns contarase cun novo ximnasio e unha pista de squash cuberta. Durante o verán tamén se arranxaron os teitos de ambos pavillóns por máis de 13.000 euros.
Acondicionamento das cubertas dos pavillóns
Ademais, durante os meses de xullo e agosto executáronse obras de acondicionamento das cubertas dos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro por un importe total de reparación de 13.398,94 euros. A través destas obras solucionáronse os problemas de filtrado de auga que tiveron lugar ao longo do pasado curso e que os temporais de choiva do inverno agravaron notablemente.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explicou que “a mellora das instalacións deportivas é unha prioridade para este goberno ante a pouca influenza que tivo no pasado. Con estas actuacións damos cumprimento a un dos compromisos máis lonxevos de anteriores lexislaturas e que os clubs de Ames estaban esperando con ansiedade”.
Novas instalacións deportivas
Por outra banda, este ano o Concello contará con novas instalacións deportivas. Así, estanse a rematar as obras do anexo do pavillón de Bertamiráns, que contará cun novo ximnasio e unha pista de squash cuberta. Na actualidade estase rematando a construción de dito anexo que foi adxudicado por un importe de 97.795,32 euros (IVE incluído). No Milladoiro tamén se conta xa cunha nova sala-ximnasio anexa ao pavillón, que conta cunha superficie de 200 metros cadrados, no que se investiron 58.145,80 euros (IVE incluído).
Estes novos espazos permitirán, por un lado incrementar o número de persoas daquelas actividades das Escolas Deportivas que por falta de espazo non podían incrementarse, e por outro, tamén permitirán incrementar as modalidades deportivas para albergar, tanto as novas como as anteriores actividades que se estaban a desenvolver en espazos menos adaptados para a práctica deportiva.
Esta semana remataron os traballos para a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Este proxecto, que foi adxudicado por un importe de 73.198,95 euros (IVE incluído), foi sufragada con cargo ao Plan complementario do plan provincial de acción social (PAS). Dita actuación executouse nunha superficie de 1.210 metros cadrados coa finalidade de instalar un novo pavimento de madeira. O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, estivo esta semana no pavillón de Bertamiráns revisando os traballos feitos no pavimento e no anexo de dito pavillón.
Previamente, realizáronse estes mesmos traballos no pavillón do Milladoiro. Neste caso dito proxecto foi sufragado con cargo ao POS+ complementario de 2017 e tivo un custo de 65.339,27 euros (IVE incluído). A superficie na que se actuou foi de 1.101,38 metros cadrados. O novo pavimento de madeira é máis axeitado para a alta competición en deportes como o baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol e patinaxe. Os traballos executáronse durante os meses de xullo e agosto, para que ditos pavillóns estean en condicións de poder ser usados a comezos do mes de setembro, coincidindo co inicio das actividades deportivas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames sustituye el pavimento de sus pabellones y amplía el área deportiva"
La Voz de Galicia: "Los polideportivos de Milladoiro y Bertamiráns estrenan pavimento"