Solapas principales

Rematan as actividades do Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro cunha saída a Pontevedra, Castelo de Soutomaior e Valença do Minho

Viernes, 22 de julio de 2022

Rematou un novo curso no Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro. E antes de poñer fin ás actividades do décimo segundo curso, os/as participantes do Club de lectura participaron nunha excursión na que visitaron a cidade de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e a cidade portuguesa de Valença do Minho. En dita saída participaron 40 persoas. O Club de lectura, de balde, está dirixido por persoal do departamento de Bibliotecas, e forma parte dunha serie de accións da Concellaría de Cultura para fomentar a lectura no concello. Para participar nesta actividade non cómpre ser un experto lector ou lectora, senón que se buscan persoas con inquedanzas culturais e que gocen de intercambiar opinións cos demais.

As reunións do Club de Lectura realízanse cada quincena, os martes ás 21:00 horas na Biblioteca do Milladoiro, adaptándose ás necesidades dos seus integrantes e aos seus horarios laborais. Non hai unha duración fixa para estas sesións, que buscan a implicación e a participación das lectoras e lectores. No pasado curso participaron nesta actividade 22 persoas de idades e procedencias moi diversas. Deste xeito, participaron persoas procedentes doutros países como Bélxica, Arxentina, Guatemala, e incluso de outras provincias, como Salamanca ou Toledo. O único requisito para poder participar é ser maior de idade.

Ao longo do curso o Club de Lectura traballou con varios texto. Comezaron o ciclo de lecturas con “Los extraños”, de Vicente Valero. De seguido, leron a novela de misterio “Elena Sabe”, da autora arxentina Claudia Piñeiro. Outros texto cos que traballaron foron “La casa de los Ángeles rotos”, de Luis Alberto Urrea; “Canción dulce”, de Leila Slimani; “El corazón con que vivo”, de José María Pérez (Peridis); “La voz dormida”, de Dulce Chacón; “Noche y océano”, de Raquel Tiranilla; e “Malaherba”, de Manuel Jabois. Ademais, polas Letras Galegas, Día do Libro... os participantes puideron elixir un libro e recomendarllo ao resto do grupo.

O criterio á hora de seleccionar que obras ler non é outro que o das propias participantes, que votan os textos que máis lles interesan. Con cada texto trátase de xerar debates interesantes e atractivos, nos que cada persoa poida aportar a súa reflexión ou opinión sobre a lectura.

O técnico da Biblioteca do Milladoiro e coordinador do Club de Lectura, Santiago Eirís, explica que “non se impón ningún criterio, os criterios márcanos os participantes; eles e elas escollen por votación os libros e se van lendo por orde de máis votados a menos”. Santiago Eirís engade que o obxectivo final é “fomentar a lectura, sobre todo nas idades que máis custa. Cada libro ten os seus propios tempos, polo que non hai un número de sesións fixadas para cada un deles”.

Excursión de fin de curso
Para rematar o curso, unhas 40 persoas entre os participantes no Club de Lectura e acompañantes, participaron nunha saída na que visitaron a cidade de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e a cidade portuguesa de Valença do Minho. Tratouse dunha xornada distendida na que se desfrutou de lugares de gran beleza como Soutomaior e coñeceron máis sobre a persoa de Pedro Madruga. Esta saída tamén serviu para visitar cidades como Pontevedra e Valença do Minho.

A concelleira de Cultura e responsable do departamento de Bibliotecas de Ames, Natividade González, destaca “o éxito do Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro que vai polo décimo segundo curso. Para participar nesta actividade non cómpre ser un experto lector ou lectora, senón que se buscan persoas con inquedanzas culturais e que gocen de intercambiar opinións cos demais. Trátase de fomentar o hábito e mailo gusto pola lectura entre a veciñanza de Ames”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego:  "O Club de Lectura pecha o curso cunha excursión"

Os/as participantes do Club de lectura participaron nunha excursión na que visitaron a cidade de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e a cidade portuguesa de Valença do Minho

Multimedia

  • Os/as participantes do Club de lectura participaron nunha excursión na que visitaron a cidade de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e a cidade portuguesa de Valença do Minho
  • Os/as participantes do Club de lectura participaron nunha excursión na que visitaron a cidade de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior e a cidade portuguesa de Valença do Minho