- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, organizou durante o mes de xullo unha nova edición do campamento sénior, incluído dentro do programa Amessán, dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. Nesta quinta edición do campamento, realizáronse 4 saídas os mércores do mes de xullo. En total, participaron 87 persoas que realizaron diferentes actividades de envellecemento activo. Todos os mércores visitaron diferentes puntos de Galicia: O Grove e Illa da Toxa, Ponteceso, Corme, Cedeira, A Coruña, Ferrol e Pontedeume.
O campamento sénior Amessán 2025, dirixido a persoas de 60 anos en diante e empadroadas en Ames, rematou o pasado mércores 30 de xullo. Na quinta edición do campamento participaron en total 87 persoas repartidas, como vén sendo habitual, en dous grupos: un no Milladoiro e outro en Bertamiráns.
Ao longo do mes, leváronse a cabo diferentes actividades físicas e cognitivas para os nosos maiores, impartidas polos mesmos monitores que o programa Amessán. Deste xeito, realizaron andainas, actividades terapéuticas, exercicios de activación da memoria ou de cooperación, entre moitas outras actividades, que se desenvolveron como parte do programa Amessán, ampliando así a súa programación habitual ao verán.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, subliña “que o campamento sénior é un programa que funciona moi ben. O obxectivo é que os nosos maiores pasen un verán entretido visitando diferentes vilas e cidades galegas e tamén que continúen realizando diferentes actividades de envellecemento activo. Ademais, é unha forma de manter as sinerxias que se xeraron ao longo de todo o ano e que se manteñan tamén durante as vacacións para darlle continuidade de cara o novo curso do Amessán”.
Complementando ás xornadas do día a día, os participantes do campamento puideron gozar de catro saídas ao longo dos mércores do mes de xullo, visitando recoñecidos lugares e paisaxes da xeografía galega. Tódalas as excursións contaron con puntos de saída dende Bertamiráns, e outro dende O Milladoiro.
A primeira das saídas foi o pasado 9 de xullo ata varios puntos das Rías Baixas. Nesta xornada, os nosos maiores puideron visitar o acuario do Grove e o Museo das Salgadeiras e, tras gozar dun baño na praia de Montalvo, remataron o día cunha visita á fermosa Illa da Toxa.
O mércores 16, tamén realizaron unha visita con varios desprazamentos. A primeira parada foi na localidade de Ponteceso, visitando o Museo do Xogo. De seguido, achegáronse ata o concello de Corme para gozar das festas do Carme que estaban a festexar na localidade.
Na terceira saída, do 23 de xullo os nosos maiores achegáronse ata San Andrés de Teixido, en Cedeira, onde puideron visitar o seu santuario e gozar das vistas deste lugar tan emblemático de Galicia. Xa pola tarde, achegáronse ata A Coruña para visitar a feira medieval que se estaba a celebrar na cidade durante eses días.
Para poñer punto e final ao campamento Amessán 2025, realizaron unha última saída, o mércores 30 de xullo, na que visitaron o Museo da Construcción Naval de Ferrol e, á tarde, desprazáronse ata a vila de Pontedeume.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Verán entretido e activo para os maiores de Ames"
Diario de Santiago: "Remata a quinta edición do campamento sénior do programa Amessán cunha participación de preto de 100 usuarios/as"
















