Solapas principales

Remata o próximo sábado 21 o mes das letras en Ames, cun encontro de grupos de música tradicional locais

Jueves, 12 de mayo de 2022

A Concellaría de Cultura pecha o mes das letras cun concerto–encontro das agrupacións de música e baile tradicional de Ames. Será o sábado 21 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa participación das asociacións culturais Os Castros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e Retranqueiros. Os convites, de balde, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Casa da Cultura de Bertamiráns vai acoller o próximo sábado 21 de maio un encontro de agrupacións amesáns de música e baile tradicional, que servirá como última actividade da programación do mes das letras en Ames. As asociacións culturais Os Castros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e Retranqueiros serán as protagonistas do concerto, o segundo da semana deste tipo, xunto co encontro de escolas municipais da EMMA coas escolas de Brión e Negreira do venres 20.

Orixinalmente, o evento estaba programado para a súa celebración no Nadal, na semana de Reis, xunto ao tradicional encontro das agrupacións corais de Ames, no que participaron os coros de Nosa Señora do Corpiño de Oca, o Lojo Batalla de Tapia, o Parroquial de Piñeiro e Ames, a Polifónica Antonio Santomil de Bugallido e o Son Elas. Finalmente, o concerto aprazouse por mor da situación epidemiolóxica no concello no pasado mes de decembro.

Agora, xa en maio, retómase esta proposta da man do tecido asociativo e cultural de Ames, que pechará o mes das letras de Ames cunha música popular que ten un gran peso e importancia tanto na cultura, na literatura e na lingua galega. En total, espérase que case 50 persoas, entre músicos e grupos de baile, acudan ao acto para actuar como parte das súas respectivas asociacións culturais. Para asistir ao encontro xa se poden retirar de balde os convites, dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "La casa de la cultura de Bertamiráns acogerá un encuentro con las mejores agrupaciones de música y baile de Ames"

Remata este sábado 21 o mes das letras en Ames, cun encontro de grupos de música tradicional locais

Multimedia

  • Remata este sábado 21 o mes das letras en Ames, cun encontro de grupos de música tradicional locais