Solapas principales

Remata o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!" na súa quenda en Bertamiráns

Martes, 19 de abril de 2022

O pasado mércores 13 o Pazo da Peregrina acolleu a sesión de clausura do Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, que se desenvolveu en Bertamiráns entre marzo e abril e que a partir de mañá comeza no Milladoiro. Doce persoas de nacionalidades e orixes diversas participaron no taller, no que puideron aprender máis sobre a lingua e a cultura galega. O obradoiro, no que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, rematou coa entrega duns diplomas e con palabras de agradecemento mutuas e en galego.

Doce veciños e veciñas de Ames de orixes diversas participaron e remataron o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que se desenvolveu en Bertamiráns do 14 de marzo ata o 13 de abril, ao longo de 30 horas de sesións de balde nas mañás de luns, mércores e venres. Vivian, Monti, Mirela, Aylín, Laura, Adela, Carlos, Emanuel, Nancy, Jacqueline, Alfredo e José Antonio son os nomes das persoas que formaron un grupo que “estivo seguido querendo aprender e saber máis”, segundo a profesora do curso, Rocío Loureiro.

O obradoiro, no que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, busca achegar a lingua e a cultura galega a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que por diferentes motivos non tivo oportunidade de coñecela. Deste xeito, participaron persoas orixinarias de Venezuela, Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil ou València, moitas delas con raíces galegas ou con familia asentada no país.

No acto de clausura, no que se repartiron diplomas individuais ás persoas participantes, dedicáronse numerosas mostras de agradecemento mutuas entre o alumnado e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, que desenvolveu a labor docente do obradoiro. Mesmo os alumnos e alumnas tomaron a iniciativa de dedicar unha canción tradicional, o recitado dun poema en galego e un debuxo á súa profesora.

“Podedes ter a seguridade de que non só imos falar galego, imos defendelo de todo corazón. Quedamos namorados do galego”, sinalou Jacqueline, unha das participantes do curso. “A día de hoxe temos máis seguridade en nós mesmos, agora imos ao supermercado e falamos galego aínda que merquemos tequeños. Grazas ao obradoiro sentímonos máis seguros, deunos un impulso para falar”, indicou José Antonio.

“Non podemos estender este obradoiro un mes máis?”, preguntou Aylín, unha das alumnas, que destacou o traballo de grupo e a intención de seguir traballando xuntos e xuntas para mellorar o seu galego. “Dende o primeiro día aquí contáronse historias persoais de superación e de adaptación, e Rocío (a profesora) conseguiu que foramos amigos e amigas, que queiramos continuar quedando. Ela propiciou isto, que nos impliquemos. O grupo é brutal e ela fixo que isto fora posible”, destacou Monti.

“Eu saio moi contenta e moi agradecida. Non só elas puideron aprender de min sobre a lingua e da cultura, senón que eu tamén aprendín delas, das súas variedades e das súas tradicións”, indicou a profesora do obradoiro, Rocío Loureiro. “A barreira de cristal da vergoña xa a romperon na segunda aula. Todas as actividades que propuxen as acolleron con ganas, involucráronse nos xogos, fixeron poemas, cancións, e mesmo unha festa gastronómica. Todas puxeron moitas ganas e moita paixón”.

Pola súa banda, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, mostrou o seu orgullo pola implicación e polo traballo realizado polo grupo. “Agora estades encantadas polo que transmitides. Agardo que o curso fora proveitoso, que aprenderades, e que non vos esquezades de saír á rúa e poñer en práctica todo o que aprendestes. Non teñades vergoña, esixídelle á xente que siga mantendo o galego falando convosco, vós xa sodes despois deste obradoiro un pouco máis galegos e galegas. Estamos moi orgullosas de que escollerades Ames para vivir e que ademais teñades esta inquietude”.

Unha vez rematado o obradoiro en Bertamiráns, agora será a quenda do Milladoiro. O curso comeza alí mañá, 20 de abril, e desenvolverase ata o 25 de maio na Casa da Cultura, das 9:00 ás 11:00 horas, os luns, os mércores e os venres.

Para consultar a galería de fotos do acto de clausura pódese premer nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cultura galega para doce amesáns de orixe diversa"

Remata o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!" na súa quenda en Bertamiráns

Multimedia

  • Remata o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!" na súa quenda en Bertamiráns
  • Remata o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!" na súa quenda en Bertamiráns
  • Remata o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!" na súa quenda en Bertamiráns
  • Remata o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!" na súa quenda en Bertamiráns