Solapas principales

Remata o curso “English Today” da OMIX de Ames no que participaron 20 mozos e mozas

Miércoles, 18 de julio de 2018

[18-07-2018] A Concellaría de Mocidade continúa coa súa aposta pola formación das mozas e mozos do concello en linguas. Deste xeito, impartiu un novo curso de inglés denominado "English Today". Esta actividade, que se encadrou dentro do programa de formación xuvenil da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), consistiu nunha aprendizaxe práctica do inglés para o día día, coa finalidade de que as persoas asistentes conseguisen comunicarse e comprender o inglés, de maneira que puideran empregalo en contextos e situacións cotiás como unha entrevista de traballo, unha viaxe ou unha consulta médica. Neste curso, que tivo unha duración de catro meses, participaron 20 mozos e mozas.

A concelleira e Mocidade, Silvia Dapena, explica que “este curso xurdiu co afán de traballar e apostar pola formación en linguas da nosa mocidade, tan importante para prepararse de cara a inserción laboral en toda Europa. Esta formación abordouse dunha maneira totalmente práctica e o alumnado asistente aprendeu a desenvolverse facilmente ante unha entrevista de traballo, como comunicarse nun aeroporto, como interactuar nun hotel, a través da adquisición de vocabulario sinxelo, escoitando, repetindo, interiorizando e practicando”.

Cada aula tivo unha duración de 90 minutos diarios, desenvolvéndose en horario de 20.00h a 21.30 horas. As clases impartíronse nas Casas da Cultura do Milladoiro (os luns e os mércores) e Bertamiráns (os martes e os xoves). O número de prazas ofertadas foi de 20 entre os dous grupos, para poder obter o máximo rendemento de cada aula. Completáronse todas as prazas, asistindo 10 persoas a cada un dos grupos (Bertamiráns e O Milladoiro). O curso tivo unha duración de catro meses (de marzo a xuño).

A metodoloxía empregada foi eminentemente práctica. A formación combinou vocabulario, gramática e audiovisuais para permitir a adquisición das destrezas necesarias para a comunicación en inglés. A finalidade principal deste curso foi a de coñecer como desenvolverse en situacións cotiás co inglés, fomentando o desenvolvemento de aptitudes lingüísticas na mocidade e a súa autonomía.

Principalmente consistiu nunha formación de aprendizaxe práctica do inglés para o día a día, que tiña como finalidade que as persoas mozas asistentes conseguisen comunicarse e comprender o inglés, de maneira que puidesen empregalo en contextos e situacións cotiás como unha entrevista de traballo, unha viaxe, unha consulta médica...


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Remata o curso “English Today” da OMIX de Ames no que participaron 20 mozos e mozas"