Solapas principales

Regresa o programa Amessán con grupos reducidos e con actividades ao aire libre sempre que o tempo o permita

Miércoles, 10 de marzo de 2021

Con 4 persoas por grupo, máscaras, distancia, medidas hixiénicas e respecto de todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias, volve a desenvolverse o programa de envellecemento activo “Amessán” que se suspendera no mes de novembro por mor da crise sanitaria. A meirande parte das actividades xa comezaron esta semana. Sempre que o tempo o permita, os obradoiros realizaranse en exteriores.

“Espreguiza corpo e mente” é o lema  co que se presentou para este curso o programa “Amessán” , unha iniciativa conformada a base de obradoiros saudables no que poden participar persoas maiores de 60 anos e tamén as persoas con diversidade funcional que presenten un certificado médico que recomende a súa asistencias a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, pensados sobre todo para cuidar a saúde física e emocional dos maiores do concello.

Tal e como estaba previsto no calendario deste curso 2021 2021, os cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, impartense nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca.

“Quen máis sofre xa de propio situacións de illamento son os/as maiores. Por iso que se poidan volver a realizar os obradoiros de xeito presencial, aínda que sexa con un número moi reducido de persoas, é importantísimo para este colectivo!, declara a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo. A concelleira lembra a importancia que para este colectivo teñen todas estas actividades que “melloran a súa calidade de vida, os manteñen activos, e conectados”. Os Concellos temos a obriga de facilitarlles eses instrumentos para conseguir a súa implicación social, permitindo ás persoas realizar todo o seu potencial de benestar físico, social e mental o longo do seu ciclo vital participando nas actividades de acordo cas súas necesidades, desexos e capacidades", remata Feijóo.

Pola súa banda, Rubén ramos, responsable da OVA, a Oficina de Voluntariado de Ames, conta que “agás algunhas persoas que por carácter teñen máis medos e máis reparos, máis do 80% das/os usuarios dos cursos están felices de recomezar de novo coas clases e de que isto lles permita saír da casa e volver a relacionarse”.

Esta semana volvéronse a poñer en marcha as clases de ximnasia terapéutica, estimulación cognitiva e memoria. Tamén ao longo deste mes quérense volver a realizar os obradoiros de música tradicional. Está previsto tamén renovar as actividades no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na Casa dos Maiores, no Milladoiro, ubicacións que este ano ofrece o programa como novidade.

Regresa o programa Amessán con grupos reducidos e con actividades ao aire libre sempre que o tempo o permita