Solapas principales

A Rede municipal de comedores escolares de Ames recibe a certificación “Comedor Escolar Km 0”

Viernes, 09 de junio de 2023

Esta mañá a presidenta da asociación Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo, entregoulle ao concelleiro de Educación e Axenda Urbana en funcións, David Santomil, as placas que acreditan que a Rede municipal de comedores escolares, que xestiona o Concello de Ames, pasa a formar parte da Rede de comedores escolares Km 0 de Galicia. Neste acto tamén participou a técnica  municipal do departamento de Educación, Rosa García. Dita rede acredita o consumo de produtos de proximidade e a sustentabilidade das cociñas escolares amesás. Slow Food é unha asociación ecogastronómica que promove unha “nova gastronomía” entendida como expresión da identidade e da cultura.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este venres pola mañá un acto no a presidenta da asociación Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo, lle entregou ao concelleiro de Educación e Axenda Urbana en funcións, David Santomil, a distinción “Comedor Escolar KM 0”, que acredita que a Rede municipal de comedores escolares de Ames pasa a formar parte da Rede de comedores escolares Km 0 de Galicia. Neste acto tamén participou a técnica  municipal do departamento de Educación, Rosa García.

As placas entregadas acreditan que nas cociñas dos comedores escolares de Ames se empregan produtos de proximidade e se aposta pola sustentabilidade a través da xestión de residuos. As placas colocaranse nas cociñas das escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, así como nas cociñas do CEIP Agro do Muíño da da EEI Milladoiro. A Rede Km 0 en Galicia está formada por restaurantes e comedores escolares. Na actualidade a esta rede pertencen 18 comedores escolares, incluíndo a Rede de comedores de Ames.

Dende o ano 2015 o Concello de Ames está realizando un esforzo importante para incorporar novos produtos de proximidade, en particular produtos da horta, aos menús da Rede municipal de comedores escolares. Os comedores escolares municipais de Ames xa se sumaron en 2020 á primeira edición da campaña "Come Local", promovida pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) en colaboración con Slow Food Compostela.

Agora, o Concello de Ames conseguiu que se acrediten os comedores escolares municipais como "Comedor Escolar Km 0". Trátase dun proxecto organizado por Slow Food Compostela para facilitar o cambio da xestión dos comedores, de xeito que transmitan unha cultura agroalimentaria aos rapaces e rapazas dende pequenos. Slow Food é unha asociación ecogastronómica que promove unha “nova gastronomía” entendida como expresión da identidade e da cultura. Premendo nesta ligazón podes atopar máis información sobre que é un comedor escolar Km0.

​Para obter dita distinción o departamento municipal de Educación tivo que realizar diferentes trámites. Un deles foi enviar unha lista dos provedores cos que se traballa para que fose analizada por Slow Food Compostela e certificasen que en Ames se cumpren os requisitos esixidos para dispor de dita distinción. Esta rede certifica a proximidade dos produtos de alimentación e dos seus provedores. Deste xeito, avaliouse a trazabilidade dos produtos de alimentación utilizados na elaboración dos menús nas dúas cociñas situadas na EEI do Milladoiro e no CEIP Agro do Muíño, así como nas escolas infantís municipais EIM O Bosque e EIM Madalena.

Aprovisionamento dun 50% ou máis de produtos galego
Neste senso a presidenta da asociación Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo, explica que “unha vez que os centros cumpren uns determinados requisitos, en liñas xerais, aprovisionarse dun 50% ou máis de produtos galegos e mercando parte dos mesmos directamente ao produtor fomentando as canles curtas de comercialización e as plantacións a medida, outórgaselle a distinción de Comedor Escolar Km 0, para darlle visibilidade e que sirva de exemplo para moitos máis que queiran unirse a este proxecto. Este é o caso da Rede municipal de comedores escolares do Concello de Ames que despois de 4 anos de asesoramento pola nosa parte, acada por fin este distintivo”.  

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana en funcións, David Santomil, dixo “hoxe é un día importante para o Concello de Ames xa que acadamos a certificación de Comedor Escolar Km 0, despois dun longo traballo en colaboración con Slow Food e cos nosos provedores locais. Ames segue apostando pola economía circular e pola calidade. Asesorámonos dende hai tempo con Slow Food Compostela a través da súa base de datos. Isto permítenos ter provedores en diferentes ámbitos que melloran a calidade dos dos produtos cos que estamos alimentando aos nosos fillos e fillas nos comedores escolares. A certificación Km 0 é polo tanto unha moi boa nova. É o resultado do traballo feito e dunha aposta clara polos produtos galegos de calidade. Todas as certificacións de calidade coas que colaboramos e temos tamén como provedores son primordiais”.

A técnica  municipal do departamento de Educación, Rosa García, destacou que “a Rede municipal de comedores escolares conta cun equipo magnífico de profesionais. Ao empregar produtos ecolóxicos incrementou un pouco o traballo, pero compensa porque lle estamos dando produtos de maior calidade aos nenos e nenas amesáns”. Destacou tamén “o traballo do persoal administrativo e da nutricionista municipal porque é ela a que elabora os menús e vai introducindo novos alimentos e produtos”.

Consolidación dos programas e servizos educativos
Por outra banda, David Santomil fixo balance dos programas e proxectos desenvolvidos dende a Concellaría de Educación dende o 2015, e especialmente nos últimos catro anos, dende 2019. “O primeiro proxecto que queda encamiñado é a creación da Cociña central. Unha vez finalizadas ditas instalacións xa se poderán facer as entregas dos produtos nun único punto o que permitirá mellorar a loxística e a produción dende esa Cociña central, que esta agora nunha primeira fase de construción coa central de lavado, e posteriormente abordarase a área de cociña. Ditas instalación van permitir unha importante mellora no funcionamento dos comedores escolares municipais”.

Tamén destacou a aposta pola compostaxe. “Conseguimos poñer en marcha con moito esforzo un sistema de compostaxe. Deste xeito, os restos orgánicos das cociñas trasládanse ao centro de compostaxe de Barouta no que, xunto aos restos de poda da brigada de obras, se está elaborando un compost de calidade, que se distribúe entre a veciñanza e tamén serve de abono para os parques e xardíns municipais”.

Por último destacou a consolidación dos servizos complementarios de educación. “Este verán rondaremos os 700 usuarios/as entre o Xuño Lúdico e maila Escola de Verán, polo que seguen sendo programas moi demandados pola veciñanza amesá, para conciliar a súa vida familiar e laboral, que ano tras ano incrementan a súa demanda. Son servizos que están consolidados dende hai anos, pero que foron reforzándose debido ao incremento de usuarios/as. Para min é unha satisfacción enorme dicir que nos atopamos nunha mellor situación que a que me atopei en 2015 cando comecei o meu traballo na área de educación”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Certificado: la mitad de los productos que usan los comedores de Ames ya son gallegos y Km 0"

Lindeiros: "Os comedores escolares de Ames reciben a acreditación Km 0"

AMS GO!: "Os comedores escolares de Ames acredítanse de km 0"

A Rede municipal de comedores escolares de Ames recibe a certificación “Comedor Escolar Km 0”

Multimedia

  • A Rede municipal de comedores escolares de Ames recibe a certificación “Comedor Escolar Km 0”
  • A Rede municipal de comedores escolares de Ames recibe a certificación “Comedor Escolar Km 0”
  • A Rede municipal de comedores escolares de Ames recibe a certificación “Comedor Escolar Km 0”