Solapas principales

A Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames concorre aos premios NAOS dentro do apartado de promoción dunha alimentación saudable no ámbito escolar

Jueves, 03 de enero de 2013

[03-01-2013] O Concello de Ames, a través da Rede Municipal de Comedores Escolares dependente da concellería de Servizos, presentouse aos premios NAOS dentro do apartado de promoción dunha alimentación saudable no ámbito escolar. Estes premios están convocados polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a través da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN). Con este programa municipal realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade. Durante o curso 2012-2013 a Rede Municipal de Comedores Escolares presta servizo a uns 1.044 nenos e nenas.

O Concello de Ames aposta decididamente pola educación alimentaria e isto vese reflectido no servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares. Os comedores escolares de Ames foron pioneiros á hora de ofrecer un servizo de xestión alimentaria directa que comeza e completa o ciclo, desde a elección do menú e a compra ata a cociña e a mesa, sen pasar por mans alleas. Mentres que a meirande parte dos comedores escolares de Galicia e mesmo do resto do estado están xestionados por ANPAS e servidos por empresas de cátering, Ames decidiu facerse cargo do servizo dun xeito integral.

Ademais, o Concello de Ames dispón dunha técnica en nutrición e dietética que, en colaboración coa coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares, é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente de xeito que non se repiten e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada ofrecidos puntualmente polo proxecto Lentura deste Concello. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais. Durante o curso 2012-2013 estanse atendendo un total de 106 casos de tratamento alimentario especial.

Tendo en conta o gran traballo que se realiza na Rede Municipal de Comedores Escolares o Concello de Ames decidiu concorrer aos premios NAOS dentro do apartado de promoción dunha alimentación saudable no ámbito escolar. O premio Estratexia NAOS á promoción dunha alimentación saudable no ámbito escolar concedéselle a aquelas iniciativas que se distinguen pola súa capacidade para inculcar hábitos alimentarios saudables entre os escolares dos centros de ensino infantil, primaria e secundaria, tanto a través de actividades realizadas na aula como extraescolares.

Promoción dunha alimentación saudable
A concesión destes premios inclúese no marco da Estratexia NAOS que, desde o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, pretende impulsar as iniciativas que entre os seus obxectivos básicos impulsen a prevención da obesidade e outras enfermidades crónicas derivadas, a través dunha alimentación saudable e a práctica regular de actividade física.

O incremento da obesidade entre os nenos e nenas impulsaron ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a pór en marcha, a través da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, a Estratexia para a nutrición, actividade física e prevención da obesidade (Estratexia NAOS) no ano 2005. O obxectivo desta estratexia é sensibilizar á poboación do problema que a obesidade representa para a saúde e impulsar as políticas e programas dirixidos a mellorar os hábitos alimentarios e promover a práctica de actividade física.

Desde que se instituíron estes premios no ano 2007, quíxose recoñecer e dar visibilidade, a aquelas iniciativas consideradas exemplares e que mellor contribuíron á consecución dos obxectivos propostos na Estratexia NAOS, promovendo a cooperación entre as administracións e os actores sociais e económicos implicados.

Co fin de abarcar os diferentes ámbitos nos que se desenvolve a Estratexia NAOS, establecéronse oito modalidades de premios. Sete deles outórganse ás iniciativas desenvolvidas nestes ámbitos desde que se iniciou a Estratexia NAOS, no ano 2005. Existe unha oitava modalidade de especial recoñecemento á traxectoria profesional.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames concorre aos premios NAOS"