Solapas principales

Realízase unha xuntanza para coordinar catro obras que se van a executar ao mesmo tempo en Bertamiráns nos vindeiros meses

Jueves, 03 de noviembre de 2022

Este mércores, 2 de novembro, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello co obxectivo de coordinar as obras de catro proxectos que se van executar de xeito simultáneo no núcleo urbano de Bertamiráns. Tres deste proxectos enmárcanse na EDUSI Impulsa Ames (creación da améndoa central, carreiro escolar e instalación dun novo sistema de alumeado LED). O cuarto proxecto atinxe á mellora do pavimento da avenida da Peregrina, que se enmarca no convenio de cesión deste viario por parte da Xunta de Galicia. En dita xuntanza participou o alcalde de Ames, Blas García, as concelleiras Genma Otero e Susana Señorís, o concelleiro Víctor Fernández, persoal das empresas adxudicatarias, directores/as de obras e técnicos municipais.

Durante os vindeiros meses vanse executar catro importantes proxectos na localidade de Bertamiráns. Co obxectivo de coordinar os distintos traballos que se van realizar en Bertamiráns, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, na que participou o alcalde de Ames, Blas García, as concelleiras Genma Otero e Susana Señorís, o concelleiro Víctor Fernández, persoal das empresas adxudicatarias, directores/as de obras e técnicos municipais.

Tres deste proxectos enmárcanse na EDUSI Impulsa Ames (creación da améndoa central, carreiro escolar e instalación dun novo sistema de alumeado LED). O cuarto proxecto atinxe á mellora do pavimento da avenida da Peregrina, que se enmarca no convenio de cesión deste viario por parte da Xunta de Galicia.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “estas obras van afectar ao tráfico e aos veciños, polo que xa empezamos pedindo comprensión, porque van a ser semanas, e nalgúns casos meses nos que van a xerar trastornos. Estamos xa empezando a negociar bolsas novas de aparcamento, así como buscando unha coordinación efectiva, e imos a ir avisando con tempo aos veciños e veciñas para que fagan previsión con tempo suficiente”.

Novo sistema de alumeado LED
A primeira actuación en executarse é a instalación dun novo sistema de alumeado LED. Dita actuación foi adxudicada á empresa Ferrovial Construcciones SA por un importe de 437.511,85 euros (IVE incluído). A empresa adxudicataria comezou esta semana os traballos para a substitución das luminarias. Dita actuación está dividida en dúas fases: na primeira cambiaranse 651 puntos de luz e reducirase en 102,21 kW a potencia instalada, mentres que na segunda fase substituiranse 289 puntos de luz e reducirase a potencia instalada en 52,68 kW. En total, substituíranse 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Nalgunhas aproveitase a luminaria e instálase retrofit. Tamén se van cambiar 210 soportes por outros de máis altura.

Ademais, levarase a cabo a substitución de 16 centros de mando por outros novos e reformaranse 2 centros de mando para adaptalos ao regulamento establecido. Por último, haberá que reforzar a rede de terra e instalarase un sistema de telexestión en cada centro de mando para poder realizar o control do alumeado de xeito personalizado. Esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos. Na actualidade emprégase unha potencia total de 195.36 kW e un consumo ao ano de 840.056,60 kWh o que ocasiona un custe anual de 160.084,81 euros. Co novo sistema de alumeado LED redúcese nun 79% a potencia instalada pasando a 40.40 kW e o consumo anual baixa nun 83% pasando a ser de 143.014,63 kWh. O custe anual tamén se reduce nun 83% pasando a ser de 27.253,49 euros.

Carreiro escolar de Bertamiráns
A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha como son o da améndoa central e o da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns.

O sendeiro de Bertamiráns disporá dun acho aproximado de tres metros, aínda que nalgúns tramos dito ancho terá que reducirse a dous metros e medio. Será un carreiro completamente accesible, xa que cumpre a normativa en canto ao desnivel. Para executar dito sendeiro aplicaranse 6 centímetros de aglomerado e un tratamento específico antideslizante. O proxecto de creación de sendeiros en Bertamiráns foi adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL por importe de 192.679,66 euros (IVA incluído).

Améndoa central do núcleo urbano de Bertamiráns
Un dos proxectos máis importantes que se vai a executar é a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns, que será un espazo público de calidade no que se lle dará prioridade ás persoas, pero sen prohibir o tráfico rodade de vehículos. Nestes intres este proxecto, que conta cun orzamento base de contratación de 1.347.000 euros, está en fase de licitación. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo explicativo deste proxecto.

Este novo espazo público de calidade ten un triplo obxectivo: convidar a que os percorridos cotiáns da poboación se realicen a pé; proporcionar unha boa comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á dinamización da economía local. As actuacións acometeranse sobre o sistema viario xa existente, pensado e proxectado nun inicio dende a perspectiva do automóbil, pero reverterán esta situación en favor do tráfico peonil e ciclista, de xeito que a améndoa central se converta nun grande espazo cidadán no que se dean todas as facilidades aos percorridos a pé e en bicicleta e se dinamicen as actividades comerciais e de ocio. As obras executaranse en tres fases que non coincidirán no tempo.

Acondicionamento da avenida da Peregrina
Por último, executarase o acondicionamento do pavimento na avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610), que teñen un orzamento estimado que ascende a 81.973 euros (IVE incluído). A través de ditas obras preténdese mellorar o pavimento na calzada, nas beiravías e nas zonas de estacionamento de dita estrada. Este proxecto enmárcase no convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para que o tramo urbano da AC-544, que discorre pola avenida da Peregrina (entre a rotonda da avenida da Maía e a rotonda da AG-56) pase a ser de titularidade municipal.

As sucesivas reparacións do pavimento levadas a cabo na calzada provocaron a elevación da súa rasante ata deixala en varios treitos case a nivel da beirarrúa, polo que será preciso realizar un fresado de 5 centímetros de espesor medio en toda a superficie de actuación. A continuación, procederase á reposición da capa de rodaxe dos carrís, beiravías e bandas de estacionamento, coa extensión de 3 centímetros de asfalto. Estas actuacións complétanse coa sinalización horizontal mediante a reposición das liñas existentes, pintado de vaos, zonas de carga e descarga, prazas de estacionamento para persoas de mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas. Tamén se recolle no proxecto a posta a cota de sumidoiros, arquetas e pozos na zona de actuación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bertamiráns: renovación total con ata catro obras que se farán á vez"

La Voz de Galicia: "Bertamiráns estará patas arriba durante cinco meses al coincidir cuatro obras"

Imaxe da xuntanza de coordinación