Solapas principales

Realizáronse proxectos relacionados co Ciclo integral da Auga por valor de 717.542 euros en 2021

Sábado, 15 de enero de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, realizou durante o ano 2021 un investimento de 717.542,56 euros en obras relacionadas co Ciclo Integral da Auga. Ata catro destas actuacións xa están rematadas, cinco están executándose ou adxudicadas, e outra atópase en fase de licitación. Ditos investimentos realizáronse a través de tres vías: fondos propios e do Ciclo Integral da Auga; Plans provinciais da Deputación da Coruña; e co canon correctivo derivado do contrato con Espina y Delfín. Ademais, para este ano está previsto a creación da Empresa Municipal de Augas.

Grazas aos traballos levados a cabo ao longo de 2021, rematáronse obras de mellora de pluviais e abastecemento nos lugares de Outeiro e Castelo, na parroquia de Ames, así como de saneamento no lugar de Quintáns, tamén pertencente á  parroquia de Ames. Ademais, executouse a rede de pluviais e mellora da pavimentación en Suevos e Sorribas (Trasmonte); e colocáronse novas reixas na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. En total, o importe investido nestas cinco actuacións rematadas ascende a 111.579,08 euros.

Neste senso, ao longo deste 2022 serán executadas outras cinco obras que ben xa están adxudicadas ou que comezaron. A máis importante a nivel económico é a da rede de pluviais da travesía de Fontaldeiro e da Agra, en Bertamiráns, que xa se iniciaron a finais de agosto cun importe de adxudicación de 143.843,36 euros. Tamén están en marcha as obras de mellora do abastecemento e pluviais en Framil (Biduído), cun investimento de 32.777,07 euros.

Xa adxudicadas e pendentes de empezar están as obras de saneamento en Capeáns (Covas), que conta cun orzamento de 13.345,97 euros; a substitución e extensión da rede de pluviais en Lamas (Ames) que foi adxudicada por 23.886,79 euros; e o proxecto de abastecemento e saneamento en Buceleiras e Guimaráns adxudicado por un importe de 68.164,47 euros.  O conxunto destas cinco actuacións suma 282.017,66 euros.

Finalmente, en fase de licitación queda a rede de pluviais no lugar de Cantalarrana (Ortoño) ata o límite co concello de Brión, que ten un importe base de licitación de 60.796 euros (IVE incluído). Este proxecto está incluído no Plan Ames Progresa 2021-2023.

Ademais destes contratos de proxectos xa adxudicados e licitados, o Concello traballa na posta en marcha de varias actuacións neste ano 2022, como o saneamento e abastecemento de Lens, o saneamento en Caroubáns (Covas), as melloras na recollida de pluviais en Paramuíño (Biduído) ou a mellora da EDAR do Milladoiro.

Obras correctivas coa empresa concesionaria Espina & Delfín
Outra das vías de investimento relacionadas coa xestión da auga foi o contrato de concesión coa empresa Espina & Delfín, no que o Concello de Ames investiu 263.149,82 euros durante o 2021. Esta cantidade inclúe arranxos relativos á rede xa existente producidos por avarías, así como a melloras, modificacións e á modernización do servizo.

Nesta cantidade tamén se inclúen as obras relativas á mellora da EDAR de Bertamiráns, por un total de 143.693,09 euros. A través desta obra construíuse un pozo de grosos. A actuación proxectada tivo a finalidade de mellorar o sistema de depuración da EDAR.  Deste xeito, facilitouse o sistema de explotación, mellorando a calidade da auga que é devolta ao río. Tamén se mellorou o sistema de eliminación de sólidos no pretratamento da EDAR.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mostrou a súa satisfacción “polo traballo realizado xa que nos últimos anos conseguimos ir ampliando a rede de saneamento polo rural, así como mellorar a depuradora de Sisalde que presta servizo á veciñanza de Bertamiráns. O obxectivo é seguir mellorando e ampliando a rede de saneamento e abastecemento durante os vindeiros anos. Ademais, é fundamental a creación da empresa municipal para a xestión da auga, que queremos ter creada ao longo de 2022”.

Creación da Empresa Municipal de Augas
Xunto a todas as actuacións previstas, espérase que en 2022 o Concello municipalice a xestión da auga, que inclúe abastecemento, saneamento e depuración. No pasado mes de xuño, a Corporación Municipal aprobou por maioría absoluta crear unha comisión para validar a memoria xustificativa do cambio de modelo, despois dun importante traballo e estudo do servizo de augas local.

Unha vez constituída esta comisión, formada por representantes políticos de todos os grupos e técnicos municipais, e logo de varias xuntanzas de traballo, a memoria xustificativa quedou aprobada e sometida a consulta pública a través do Portal de Transparencia do Concello de Ames, entre o 9 de setembro e o 9 de outubro de 2021. Durante o período non se formularon alegacións, suxestións ou achegas. Finalmente, o 4 de novembro a comisión aprobou por maioría a memoria, finalizando así o seu traballo.

Xa en decembro, o Goberno municipal mantivo unha xuntanza con María Sánchez, concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Concello de Valladolid, así como presidenta da entidade pública empresarial Aquavall. A reunión serviu como toma de contacto para intercambiar información e coñecer o proceso de municipalización da auga en Valladolid, ademais das vantaxes do cambio de modelo para a veciñanza e para o entorno.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames destinó 717.500 euros a obras hidráulicas"

El Correo Gallego: "Investimentos en traídas, pluviais e saneamentos por tres cuartos de millón en 2021"

Compostela 24 Horas: "Ames destinou 717.500 euros a obras hidráulicas"

Imaxe da obra de execución do pozo de grosos na EDAR de Sisalde

Multimedia

  • Adxudícanse as obras de saneamento e abastecemento de Buceleiras e Guimaráns
  • Apróbase a licitación das obras da rede de pluviais no lugar de Cantalarrana
  • As aldeas de Suevos e Sorribas, en Trasmonte, dispoñen de rede de saneamento