- Tematica
O pasado 11 de outubro, o Pavillón Municipal de Esteiro, en Ferrol, acolleu o Campionato Galego Cadete de Karate, no que o deportista da Escola de Karate Dokkodo, Raúl Rodríguez, acadou a medalla de bronce.
Ferrol foi a localidade escollida para acoller o Campionato Galego Cadete de Karate, así como o Júnior e Sub-21 II Copa Máster, que se celebraron de xeito conxunto o pasado 11 de outubro. A Escola de Karate Dokkodo tivo a participación dun dos seus deportistas, Raúl Rodríguez, que voltou á casa cunha medalla de bronce na modalidade de Kumite <57kg.
O karateka do club amesán realizou unha boa competición na que amosou unha gran mellora no control do combate e na súa toma de decisións. Tras un encontro moi disputado, caeu en semifinais. No combate polo bronce, Raúl Rodríguez fixo un combate no que dominou con claridade ao seu rival.
Así, despois do seu paso polo campionato galego, Raúl Rodríguez preparará as súas vindeiras citas que, desta volta, serán a nivel nacional. A primeira será esta vindeira fin de semana, co Campionato Princesa de Asturias.
Novas relacionadas:
Xornal de Compostela: "O amesán Raúl Rodríguez logra o bronce no Campionato Galego Cadete de Karate"






