Solapas principales

Quince persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico que se está a desenvolver no Pazo da Peregrina

Lunes, 27 de marzo de 2023

O pasado 8 de marzo deu comezo o taller de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que se desenvolverá ata o vindeiro 14 de abril no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. No curso, que é de balde, participan quince persoas de distintas procedencias, que gozarán de quince sesións de dúas horas de duración nas mañás dos luns, mércores e venres. Ao remate, realizarase o mesmo obradoiro no Milladoiro, do 17 de abril ao 26 de maio.

O obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!” volve un ano máis para achegar a lingua e a cultura galega á veciñanza amesá procedente de fóra de Galicia. A iniciativa, que se desenvolve coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, acadou este ano a súa décimo quinta edición. Trátase dun taller dirixido fundamentalmente a persoas chegadas de fóra de Galicia, no que poden participar todos os cidadáns que non tivesen a ocasión de aprender a lingua previamente.

O pasado mércores 8 de marzo tivo lugar sesión inaugural do curso, que será impartido polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística amesán. Nesta ocasión, entre o alumnado atópanse persoas orixinarias de Cuba, Venezuela, Colombia ou Nicaragua. A maior parte dos participantes chegaron recentemente ao concello e ven a lingua galega como un vehículo de cohesión e de integración social. Así mesmo, moitos deles contan con raíces galegas ou con familia asentada no país, e buscan entender mellor a quen os rodea e recuperar parte da súa herdanza cultural.

O curso, eminentemente práctico e participativo, ten unha duración de 30 horas e estase a desenvolver en horario de mañá, os luns, os mércores e os venres, cun total de 15 sesións de dúas horas. A profesora do taller, Fátima Souto, pon en valor a ilusión e as ganas de aprender dos estudantes, e destaca a súa “notable evolución” dende que comezaron a impartirse as clases. “Intento que todas as nocións que lles trato de transmitir se reiteren nas diferentes sesións, para que as vaian asimilando. Estano facendo de maneira espléndida e moi rápida. A pesar de levar moi pouco tempo aquí a súa comprensión é moi lograda, tanto no que ten que ver coas estruturas da lingua como coas cuestións culturais”, sinala.

Así mesmo, Fátima Souto sinala que a metodoloxía do curso se basea na explicación de elementos prácticos que lles poidan resultar útiles aos alumnos e alumnas no seu día a día. “Comezamos con aprender a presentarnos, considerei moi importante que puidesen expresar a súa identidade nunha nova lingua. Fomos avanzando co vocabulario de emprego habitual, nocións básicas de uso moi frecuente”, explica. A aprendizaxe é bidireccional, posto que os estudantes tamén comparten coas docentes aspectos lingüísticos e culturais dos seus países de orixe.

Unha das razóns máis compartidas entre o alumnado para aprender galego son os vínculos familiares. Isis Castro, unha das asistentes ao curso, sinala que “veño de Cuba e levo aquí seis meses. Son filla de galegos, e agora volvín para aquí. A idea era regresar a Galicia, e Ames foi o sitio onde se nos deu a oportunidade de comezar de novo”. Outra das alumnas, Aura Rosa Pereira, explica: “Teño o meu fillo aquí. El fala galego e eu quero implicarme tamén para coñecer e aprender máis da cultura de aquí”.

Outros participantes, como Ronald Rojas, de Venezuela, chegaron ao concello tras coñecer a experiencia de persoas que emigraron a Galicia, e consideran a lingua un medio de integración social. “O curso estame a servir para entrar en comunicación coa poboación e para dinamizarme e coñecer unha nova cultura. Aprender galego é fundamental para poder falar cos amigos de aquí, para facer trámites...”. O nicaraguano Mauricio López destaca que “todo o que contribúa a enriquecer a miña cultura, benvido sexa”. Adriana Gallego, de Colombia, tan só leva dous meses en Ames, pero resalta que “dinme conta de inmediato da importancia que tiña o galego para integrarme socialmente. Vin que se ofrecía o obradoiro de acollemento lingüístico e anoteime sen pensalo”.

Nese sentido, Rosa Moreiras, técnica do SNL, indica que “o que se intenta crear é un espazo de confianza, un espazo seguro para a lingua, no que se deixe a vergoña fóra. Pretendemos que os obradoiros sirvan de achegamento á nosa lingua e á nosa cultura, que moitas veces é bastante diferente. O galego é un nexo para todas as persoas que coa súa chegada están enriquecendo Galicia e, en particular, o concello de Ames”.

Unha vez concluído o curso en Bertamiráns, o obradoiro desenvolverase tamén no Milladoiro, do 17 de abril ao 26 de maio, na Casa da Cultura, tamén os luns, mércores e venres de 9:30 a 11:30 horas. Ao finalizar, todos os asistentes recibirán un diploma.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, agradeceu a boa disposición das persoas participantes e animounas a seguir “aprendendo galego e enchoupándovos da nosa cultura”. E sinalou que “contar en Ames con persoas naturais de sitios xeográficos tan diversos apórtanos unha riqueza inmensa. A súa participación neste curso permítenos compartir con eles e elas todos os aspectos culturais que nos caracterizan e, ao mesmo tempo, aprender dos seus lugares orixinarios”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Taller de acollemento lingüístico no Pazo da Peregrina"

Os participantes do obradoiro de acollemento lingüístico en Bertamiráns comezaron as clases o día 8 de marzo

Multimedia

  • Quince persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico que se está a desenvolver no Pazo da Peregrina
  • Quince persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico que se está a desenvolver no Pazo da Peregrina
  • Quince persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico que se está a desenvolver no Pazo da Peregrina