Solapas principales

Protección Civil de Ames realizou preto de 1.000 operativos no 2020

Lunes, 01 de marzo de 2021

Os operativos e saídas realizadas polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames no ano 2020 chegaron a 917. En número foron algunhas menos que o ano anterior posto que moitas das actividades e dos eventos nos que habitualmente participaban suspendéronse por mor da COVID-19. Porén, a intervención da AVCP Ames foi fundamental á hora de atender moitas das necesidades xurdidas da situación de pandemia. Durante ese período, o número de persoas que formou parte da Agrupación oscilou entre 30 e as 40 persoas.

Nun ano atípico, os voluntarios e voluntarias realizaron desinfeccións de parques e espazos de uso frecuente, carrexaron libros desde os colexios ás casas, atenderon a persoas necesitadas en colaboración con Servizos Sociais, viaxaron cos paxes reais até as parroquias para recoller as cartas aos Reis Magos e até felicitaron aniversarios aos nenos/as e aos/as maiores nos meses do confinamento. Todo isto, ademais, nunha situación que obrigou a Agrupación a reorganizar servizos e quendas para evitar o máximo o posible risco de contaxios e a prescindir en moitos dos operativos de voluntarios e voluntarias que formaban parte dos grupos de risco.

Servizos realizados no 2020
No ano 2020 a AVPC prestou servizo en 239 operativos, 94 accidentes e 39 incidencias de circulación. Cómpre salientar que o maior número de accidentes de estrada produciuse nos meses de xaneiro, agosto e decembro, coincidindo con datas de menos restricións vinculadas á pandemia. Por outra banda, Protección Civil recolleu 85 animais soltos, colaborou en 3 asistencias sanitarias, interveu en14 incidencias causadas por verquidos, estivo presente en 6 accións de salvamento e rescate e sumou preto de 500 servizos máis en outras incidencias.

Incremento de material
Tanto o material sanitario, como o destinado á mobilidade telecomunicacións, incendios, apoio aos bombeiros e vestiario con que conta a AVPC incrementouse no 2020. 4 emisoras Motorola, 1 desfibrilador, 1 simulador de desfibrilador supoñen o material novo sanitario e de telecomunicacións. En canto ao material operativo, a agrupación conta desde o pasado ano cun novo remolque de incendios con bomba de 600 litros, 1 carpa de 4x4, 10 lanternas led. 4 cascos MSA, 21 pantalóns de verán, 10 pantalóns de augas, 8 fundas ignífugas, 14 parkas, 4 vadeadores e 12 botas de auga. Ademais, xa no 2021, foille entregado un novo vehículo UTV. Dúas tablets e diverso material de incendios como mangueiras, mangotes, lanzas de racor e reducións de racor constitúen algúns dos novos elementos cos que conta a Agrupación de Protección Civil de Ames.

Formación dos voluntarios e voluntarias
Durante o ano 2020 o número de persoas que formaron parte da Agrupación oscilou entre as 30 e as 40. A formación recibida durante ese período foi menor que en anos anteriores, xa que non se puideron organizar cursoS presenciais, e os poucos que houbo foron telemáticos. Aínda así, 6 novos voluntarios e voluntarias realizaron o Curso Básico de Protección Civil, e outros 9 membros da AVPC Ames realizaron o Curso de Intervencións en presenza de riscos biolóxicos COVID-19, cursos organizados pola Axencia Galega de Seguridade (Agasp) e a Asociación Nacional de Agrupaciones de Voluntarios de Protección Civil (Anav).

Por outra banda, e como complemento, na propia Agrupación realizouse un curso presencial de Incendios Urbanos e Forestais, coa colaboración do GES de Brión; un curso de regulación do tráfico e sinalización de accidentes, coa colaboración da Policía Local de Ames e, como todos os anos, seguiuse realizando a formación colaborativa entre os propios voluntarios e voluntarias.

"Este ano 2020 foi un ano difícil e complicado, no que as Agrupacións de Protección Civil tiveron que reinventarse en moitas ocasións para estar ao lado da cidadanía e chegar a facer servizos que antes nunca tiñan realizado, como por exemplo as felicitacións de aniversarios ás crianzas durante o confinamento, reparto de libros e material escolar, desinfeccións de parques infantís e outros espazos de uso habitual, paseo e encontro de paxes reais para coller as cartas dos máis pequenos e pequenas, control da eleccións autonómicas", manifesta Blas García, concelleiro da área de Protección Civil."Sen dúbida vai a ser un ano que custará esquecer, pero que tamén axudou a posicionarnos aos voluntarios e voluntarias como necesarios e case imprescindibles en situacións de pandemia ou crise sanitaria como esta que pasamos e na que aínda continuamos", engade García.
Por outra banda, Juan Pérez Crespo, presidente da AVPC Ames, manifesta que: "Foi un ano de transición pola especial situación vivida, pero sen dúbida, tanto pola entrega e a disposición dos voluntarios e voluntarias, como polas tarefas especiais que fixemos, un ano que serviu para a consolidación do noso colectivo", manifesta . Crespo fala tamén da ilusión con que a agrupación encara o 2021: "Tiñamos moitas ilusións depositadas por ser ano Xacobeo, pero que comezou cunha forte parálise debido ao Covid-19 e aos peches perimetrais, aínda que esperamos poder comezar a traballar a plenitude no segundo semestre do ano".

Obxectivos para 2021
Este ano a Agrupación de Protección Civil de Ames pretende seguir incrementando o equipo de voluntarios e voluntarias para contar con máis medios humanos cos que poder realizar os diferentes traballos. Ademais seguirá apostando pola formación destes nosos voluntarios e voluntarias. Tratará tamén de incrementar o material do que dispón para os seus operativos con novos equipos de telecomunicacións e con algún vehículo tipo scooter que facilite algunhas tarefas en determinadas circunstancias.

Outra das aspiracións da Agrupación para este ano é a de dotar ao núcleo de Milladoiro dun espazo (ou base) permanente na que poder gardar material e poder atender á veciñanza. Queren tamén mellorar o material sanitario e a atención de primeiros auxilios. Incidir e reforzar a vixilancia e control do Camiño de Santiago, tanto no Portugués como no de Fisterra, ou o novo de Muros-Noia e outro dos obxectivos que Protección Civil Ames se propón para este ano. A dixitalización d a Agrupación coa incorporación de tablets, telegram, inventario dixital, inventario de hidrantes.., é outro dos obxectivos que queren conseguir.

Agradecementos
No nome da Agrupación, o presidente, Juan Pérez Crespo, quere agradecer o traballo dos voluntarios e voluntarias: "aos que están e aos que estiveron, porque todas e todos colaboraron en que a nosa familia laranxa fose medrando e chegase a onde estamos agora. Foi e é un orgullo traballar con todas e todos eles". Crespo agradece tamén a colaboración prestada polo concello: "Agradecemos tamén ao Concello de Ames pola súa confianza e colaboración a todos os niveis; sen dúbida a aposta feita no ano 2017 foi seria e decidida por contar cunha Agrupación á que nos deixan traballar en liberdade". No capítulo de agradecementos, Crepso inclúe á Policía Local de Ames, aos GES de Brión, á Garda Civil do Milladoiro, ao Distrito Forestal de Ordes, aos bombeiros do parque comarcal de Boiro e o subparque de Ribeira, á Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil á Deputación da Coruña e á Xunta de Galicia e, moi especialmente a todos os veciñas e veciños de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Protección Civil de Ames realizó 917 intervenciones durante el año pasado"

El Correo Gallego: "Protección Civil fixo mil operativos en Ames o ano pasado"

Protección Civil Ames.

Multimedia

  • Protección Civil Ames.
  • Protección Civil Ames.
  • Protección Civil Ames.
  • Protección Civil Ames.
  • Protección Civil Ames.
  • Protección Civil Ames.