Solapas principales

A programación infantil con Apego do último cuadrimestre do ano inclúe espectáculos de teatro e música, contacontos, maxia e cine

Martes, 27 de agosto de 2019

O Concello de Ames acaba de publicar a programación infantil con Apego para os vindeiros catro meses, cunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo de setembro, outubro, novembro e decembro. Haberá contancontos nas bibliotecas municipais, unha nova edición da Foliada con Apego, varios espectáculos de teatro, un obradoiro de arrolos con Mama Cabra, outro taller sobre contos de medo con Celso F. Sanmartín, etc. Ademais, nesta programación inclúese unha nova edición do Festival de maxia e do Certame internacional de cine infantil e familiar “Cinema Crianza”.

O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para os vindeiros meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Dirixido a un público familiar, con especial incidencia nas familias con crianzas de 0 a 6 anos, o programa ten como un dos obxectivos transversais contribuír á socialización en galego da infancia. Así, o programa acolle o desenvolvemento de diferentes actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballan conxuntamente para a súa elaboración, como é o caso do propio departamento de Normalización, Cultura e Biblioteca.

A programación estrease os días 28 e 29 de agosto e o 4 e 5 de setembro da man de Cé Orquestra Pantasma, que volve a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, nas que un inquedo xogueteiro irá guiando aos nenos e as nenas polo mundo dos xogos e dos xoguetes miudiños a través de rimas, música, baile e obradoiros. As brincadeiras estarán no Milladoiro, no parque dos Piñeiros, ao carón da piscina descuberta municipal, os mércores 28 de agosto e 4 de setembro, mentres que en Bertamiráns estará nos xardíns do Pazo da Peregrina os xoves 29 e 5 de setembro. A actividade realizarase en ambas as localidades en horario de 18.00 á 20.00 horas.

A programación continúa durante o mes de setembro con contacontos nas bibliotecas municipais o mércores 18 en Bertamiráns e o xoves 19 no Milladoiro. Todos os contacontos comezarán ás 17.30 horas. Para o 27 de setembro está previsto que haxa unha nova Foliada con Apego, que estará dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk. Será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 18.00 horas. Esta actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír un espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas.

En outubro volverá haber contacontos nas bibliotecas municipais os días 2, 17 e 30 no Milladoiro e os días 3, 16 e 29 en Bertamiráns. Ademais, organízase para o venres 4 na Casa da Cultura do Milladoiro a xornada de contos: Nano vai á escola, a cargo de Raquel Queizás. O venres 11 chega á Casa da Cultura de Bertamiráns o espectáculo Comenoites de Os Náufragos Teatro. Haberá dúas sesións: ás 17.00 e ás 18.00 horas. Unha fermosa historia coa que as crianzas descubrirán os misterios da existencia do día e da noite.

A última fin de semana de outubro volve un ano máis o Festival de maxia: maxia de estrelas, que se desenvolverá nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro os días 25, 26 e 27. Esta é unha das actividades que teñen máis éxito entre a veciñanza amesá. En outubro publicarase o programa de dito festival.

Programación para novembro
Durante o mes de novembro destaca a sesión de contos para perderlle o medo ao medo, O home do saco e outros contiños de menos medo, a cargo de Celso F. Sanmartín, que se realizará o venres 8, ás 17.00 e as 18.00 horas (haberá dúas sesións), no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Durante o mes de novembro tamén haberá contacontos nas bibliotecas: os días 13, 27 no Milladoiro e os días 14 e 28 en Bertamiráns. As actividades continúan o xoves 14, ás 17.00 e as 18.00 horas (tamén haberá dúas sesións) co obradoiro Quen Canta Alí?, de Luís Prego e Fabaloba, no Pazo da Peregrina. Trátase dunha nova aventura da nena Alí, desta volta canda unha avoíña moi especial que nos vai abrir os ollos e as orellas para saber quen canta alí.

Os días 15, 16 e 17 de novembro desenvolverase nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro unha nova edición de Cinema Crianza. Neste festival internacional de cine infantil e familiar trátase de promover o gusto polo cinema entre os máis cativos. Haberá ademais actividades paralelas como sesións musicais, obradoiros... que converterán as crianzas en creadoras e participantes activas. Ademais, o venres 22, ás 18.00 horas, chega ao Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o obradoiro de arrolos de Mamá Cabra. As actividades de novembro rematan co espectáculo Nube, nube, sol, de Teatro ao Cubo. Será o venres 29, ás 17.00 e as 18.00 horas (haberá dúas sesións) na Casa da Cultura do Milladoiro.

En decembro volven os contacontos o día 11 á biblioteca de Bertamiráns e o día 12 á biblioteca do Milladoiro. Para o venres 13, ás 18.00 horas, está prevista a actividade Picadiscos MariFalti, no Pazo da Peregrina. Trátase dunha sesión de discoteca con música infantil para que os cativos e cativas non deixen de cantar e bailar, ao tempo que aprenden cancións da man dos libros da minibiblioteca ambulante de MariFaltri. O xoves 26, ás 18.00 horas, desenvolverase a Feira das linguas na Casa da Cultura do Milladoiro. Será un concerto teatrilizado e participativo para que os nenos/as se acheguen á historia da lingua desde os ritmos máis actuais, co obxectivo de promover o galego entre as novas xeracións. Por último, o venres 27, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, representarase o espectáculo Baila Roque baila de Baobab Teatro.

Para participar nalgunha das actividades recollidas no programa é necesaria inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo: normalizacion@concellodeames.gal. Podes consultar o folleto coa programación completa no enlace que está dispoñible ao pé desta nova.

Información e inscrición das familias no programa Apego
O programa Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con case 200 familias adheridas.

Así, as familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística municipal para inscribirse e recibir información de actividades e recursos que faciliten a socialización en galego da infancia. Ademais, se o neno ou nena ten menos dun ano, recibirán de agasallo unha caixiña de benvida con recursos útiles para a crianza. Pode solicitarse unha cita a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse a páxina web www.apego.gal.

Imaxe da portada do folleto da programación con Apego

Multimedia

  • Imaxe do folleto da programación con Apego (outono-inverno 2019)
  • Imaxe do folleto da programación con Apego (outono-inverno 2019)