Solapas principales

Preto de 200 persoas inscríbense na campaña solidaria Zocos e Trasnos

Jueves, 30 de diciembre de 2021

183 trasnos repartirán os agasallos que pediron os 183 zocos e zocas (nenos e nenas). Ademais, 6 trasnos quedaron inscritos nunha lista de emerxencia por se eran necesarios. Deste xeito, este ano inscribíronse na campaña un total de 189 trasnos, unha cifra moi similar a de outros anos. Os veciños e veciñas que se anotaron como voluntarios/as, actúan como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos dous puntos Trasnos, situados nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Ao longo desta semana estanse entregando os agasallos para despois, os días 3 e 4 de xaneiro facer o reparto. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado, é a encargada de organizar dita campaña.

Preto de 200 nenos e nenas de Ames recibirán os seus agasallos o día de Reis grazas a campaña Zocos e Trasnos. Esta iniciativa, que se desenvolve por sexto ano consecutivo, é organizada pola Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, dependente da Concellería de Benestar Social. O seu obxectivo é que ningún neno/a de Ames quede sen agasallo nestas festas, gracias á colaboración dos trasnos. Estes últimos, son veciños e veciñas voluntarias que achegarán un agasallo de Reis a cadanseu zoquiño/a.

A campaña conta con dous piares fundamentais. Por unha banda os/as zocos/as, que son as nenas e nenos de 0 a 12 anos de familias que están a pasar por dificultades económicas, derivadas do departamento de Servizos Sociais. Pola outra, os trasnos, axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto, que son os encargados de “facerse” con ese agasallo e entregalos nos chamados “Puntos Trasnos” que están situados nas Casas de Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.

Este ano inscribíronse na campaña 189 trasnos, dos cales 183 repartirán os agasallos que pediron os 183 zocos e zocas (nenos e nenas). Os 6 trasnos restantes quedaron inscritos nunha lista de emerxencia por se eran necesarios. A organización desta iniciativa é a encargada de recoller as cartas escritas polas crianzas aos Reis Magos. Estas cartas chegan aos trasnos a través dun correo electrónico, dunha mensaxe de WhatsApp ao móbil ou mesmo en man, acompañadas dun código identificativo da nena ou neno (non se dan nomes nin apelidos).

Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista

Cada trasno debe escoller algo do solicitado na carta, que non pode superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Cómpre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico.

Ao longo desta semana estanse entregando os agasallos para despois, os días 3 e 4 de xaneiro facer o reparto entre as familias, para que todos os zocos poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis. Pídese aos voluntarios e voluntarias, que deixen o tícket de cada produto. Un ano máis cómpre destacar a solidariedade do persoal da empresa Tecalis que colaborou nesta campaña solidaria encargándose das cartas de 10 zoquiños e zoquiñas.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, indica “somos conscientes de que a campaña de Zocos e Trasnos non cambia vidas, non muda situacións, nin sequera é imprescindible, pero si é moi gratificante. É moi gratificante ver como centos de veciños e veciñas se solidarizan ano tras ano con quen está a pasar por momentos de dificultade económica, como aportan o seu granciño de area para sacarlles ese sorriso aos máis cativos e facer que sigan crendo na maxia e a ilusión desa noite tan especial, facendo de paxes dos Reis Magos. Non podo máis que dar as grazas a todos os nosos trasnos e trasnas polo seu compromiso. Un ano máis cumpriron a súa misión superando as expectativas”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Volta a Ames a maxia dos zocos e trasnos"

Preto de 200 persoas inscríbense na campaña solidaria Zocos e Trasnos

Multimedia

  • Preto de 200 persoas inscríbense na campaña solidaria Zocos e Trasnos
  • Preto de 200 persoas inscríbense na campaña solidaria Zocos e Trasnos