- Tematica
O pavillón municipal de Bertamiráns acolleu na mañá deste pasado domingo, 1 de xuño, o XIV Encontro de patinaxe artística. Nesta cita, organizada polo departamento de Deportes do Concello de Ames, participaron preto de 200 nenos e nenas dos diferentes grupos de patinaxe artística das escolas municipais. A xornada contou coa colaboración do Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e o Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro. Pódese acceder á galería completa do encontro na seguinte ligazón.
O pavillón municipal de Bertamiráns acolleu durante a mañá deste domingo a décimo cuarta edición do Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames, un evento deportivo no que participaron arredor de 200 rapazas e rapaces das diferentes escolas de patinaxe artística do concello.
Ao longo de toda a mañá exhibiron diversas coreografías grupais nas que interpretaron diferentes ideas e temáticas, amosándolle ao público as habilidades e aprendizaxes que adquiriron ao longo deste curso 2024-2025. O encontro contou cunha gran acollida entre os asistentes, que puideron gozar e vibrar nunha xornada de moi bo ambiente no pavillón de Bertamiráns.
O encontro comezou arredor das 12.00 horas, coas primeiras exhibicións da xornada por parte dos grupos de categoría base. Abrindo o encontro, actuou o grupo 1 de Bertamiráns con “Ritmo e rodas na pista”, que realizaron unha actuación da coñecida película Grease.
De seguido, actuou o grupo 0 do Milladoiro con “O baile dos xoguetes”, no que transformaron a pista de patinaxe nun cuarto de xogos. O terceiro grupo de actuar foi o de Batouta con “3...2...1… Despegue!”, no que achegaron ao público ata a Lúa. Pechando esta primeira parte do encontro, foi a quenda do grupo 4 de Bertamiráns con “Cupidos en apuros”, no que a actuación, como ben indica o nome, xirou arredor do amor e das frechas máxicas de Cupido.
Tras as primeiras actuacións dos grupos de categoría base, foi a quenda do CPA Omega e a exhibición da patinadora de categoría nacional do CP Sarela, María Peña, actual campioa provincial na categoría senior.
A continuación, actuaron os grupos de categoría avanzada. O primeiro en actuar será o grupo 2 de Bertamiráns con “Pandora: o inicio do fin”, no que a temática foi a de destruír a caixa que garda todos os males do mundo. De seguido, foi a exhibición do grupo 2 do Milladoiro con “O noso soño “Chegar a ser olímpicos””, unha actuación que reflexiounou sobre o esforzo, constancia e ilusión para que algún día a patinaxe artística chegue a ser unha disciplina olímpica.
A terceira exhibición en categoría avanzada virá da man do grupo 3 de Bertamiráns con “Fíos de loita”, cunha actuación que narrou a historia de mulleres que formaron parte da loita pola igualdade. Pechando este bloque, actuou o grupo 1 do Milladoiro con “Un billete para a fortuna”, unha historia dunha fortuna que che pode cambiar a vida.
No derradeiro bloque de exhibicións, actuou o CPA Omega e a patinadora de categoría nacional do CPA Sarela Inés Peña, oitava clasificada no Campionato de España, terceira na Interland Cup que se celebrou en Alemaña e actual campioa provincial na categoría junior.
Ao remate da xornada, realizouse un desfile final no que participaron tanto os nenos e nenas das escolas, coma os monitores dos grupos. Nesta parte final, tamén tivo lugar a entrega de medallas e diplomas por parte da concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, ás patinadoras e patinadores participantes.