[16-04-2013] O pasado sábado, 13 de abril, un grupo de 94 persoas participaron na excursión a Portugal que realizou o Concello de Ames a través das concellarías de Cultura e Maiores. Na excursión tamén participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Atención e Mediación Parroquial e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada. A través desta actividade a veciñanza amiense puido coñecer as localidades lusas de Vilanova de Cerveira e Valença do Minho. Dende o departamento de Cultura salientan que todo saíu segundo o previsto e que a veciñanza amiense pasou un día moi ameno e entretido.
Dous autobuses saíron o pasado sábado, ás 8:30 horas, do Milladoiro e de Bertamiráns dirección Portugal. Os preto de 100 veciños e veciñas que participaron nesta excursión estiveron acompañados polo alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Atención e Mediación Parroquial e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada. Para ir ata Portugal o Concello de Ames habilitou dous autobuses, un saíu dende O Milladoiro e outro dende Bertamiráns.
A primeira parada foi en Tui, onde a veciñanza amiense puido almorzar no Hotel Alfonso I. Tras media hora de descanso, ás 10:30 horas, continuouse coa viaxe cara a Vilanova de Cerveira, a onde se chegou arredor das 11:15 horas. Os/as participantes tiveron tempo para visitar esta localidade e comprar na feira que se celebra cada sábado nas rúas de Vilanova de Cerveira.
Ás 14:00 horas fíxose outro descanso, neste caso para xantar no restaurante Quinta de Amorinho. Tralo xantar houbo unha sesión de baile no propio restaurante. Despois, realizouse a saída en autobús cara Valença do Minho, a onde se chegou arredor das 16:15 h. Ata ás 19:00 horas, as persoas que participaron nesta excursión tiveron tempo libre para visitar a Fortaleza e o mercado dos sábados. Ás 19:00 horas, a veciñanza amiense volveu cara Ames, onde se chegou sobre as 20:30 horas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Preto de 100 persoas participaron na excursión a Portugal"