Solapas principales

Presentáselle a veciñanza dos lugares de Frenza, Vilouta e Montemaior a cuarta fase do plan municipal de prevención de incendios forestais no que se actuará en 23 hectáreas de monte

Jueves, 26 de diciembre de 2019

Representantes do goberno municipal, xunto con persoal do departamento de Medio Ambiente, mantiveron nas últimas semanas reunións cos veciños e veciñas dos lugares de Frenza e Vilouta (parroquia de Tapia), así como de Montemaior (Ameixenda), para explicarlles os traballos que se pretenden realizar na cuarta fase do plan municipal  de prevención  de incendios forestais. Durante o período do outono/inverno 2019-2020 actuarase nos ámbitos Frenza-Vilota; Montemaior; Ventosa e contorna da urbanización do Bosque Animado. Nesta cuarta fase poderíanse chegar a plantar ata 4.200 árbores nunha superficie aproximada de 23,58 hectáreas, dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e do MedioRural, vén de presentarlle a veciñanza a cuarta fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Por cuarto ano consecutivo ofréceselle aos veciños e veciñas a posibilidade de acollerse ao plan de plantación de frondosas caducifolias. Trala presentación da cuarta fase, xa hai unhas 10 solicitudes de adhesión a dito plan.

O goberno municipal, xunto cos técnicos municipais, determinaron que nesta cuarta fase rematarase a actuación, que comezou no período 2018-2019, do ámbito 09 (Ventosa, Lombao e na urbanización do Bosque Animado-14,4 hectáreas); e actuarase nos ámbitos Frenza-Vilota (12,26 hectáreas); Montemaior (7 hectáreas). En total actuarase nunha superficie de 23,58 hectáreas, en aproximadamente 220 parcelas, das cales 12,78 son de perigosidade alta e moi alta.

Nesta fase estímase que se poderían plantar unhas 4.200 árbores frondosas. Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

O concelleiro do Medio Rural, Manuel Lens, explica que se “realizaron reunións informativas cos veciños e veciñas dos ámbitos incluídos na cuarta fase do plan municipal de prevención de incendios forestais para explicarlles en que consiste dito plan. Agora agardamos que o maior número de persoas dos lugares de Frenza, Vilouta e Montemaior se sumen a esta iniciativa que está tendo moi boa resposta polos lugares que se foi aplicando”.

Este traballo realizase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural e persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente márcalle diariamente as directrices do traballo a unha brigada, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asume o custe da contratación deste persoal da brigada, que ronda os 34.000 euros, por un período de cinco meses.

A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma arredor de 10.000 euros, o que da un importe total de 44.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación. En total, o Concello destinará 80.000 euros de fondos propios á cuarta fase deste plan.

Actuouse en 76.404 metros cadrados plantando 2.385 plantas
Na primeira fase actuouse sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias ás 37 adhesións ao plan que se asinaron entre 33 propietarios/as implicados/as e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixou un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.

Na segunda fase rematouse o ámbito 18 de Piñeiro (iniciado en 2016) e actuouse no ámbito 27 de Piñeiro, así como nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova, que comprenden parte da urbanización de Aldea Nova e as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. Actuouse en 76 fincas, cunha superficie total de 57.030 metros cadrados, nas que se plantaron 1.570 (1.206 castiñeiros, 11 freixos, 67 abeleiras, 82 cerdeiras, 113 pradairos, 36 bidueiros e 9 noceiras), grazas ás 76 adhesións ao plan asinadas con 44 propietarios/as implicados.

Na terceira fase trallouse nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Actuouse en 34 fincas, unha superficie total de 34.442 metros cadrados, nas que se plantaron 514 árbores (238 castiñeiros, 58 carballos, 9 freixos, 23 abeleiras, 41 cerdeiras, 27 pradairos, 97 bidueiros, 12 ameneiros e 9 noceiras), grazas ás 34 adhesións ao plan asinadas con 30 propietarios/as implicados.

Para o goberno municipal este plan de prevención de incendios forestais é prioritario, e de aí que se lle estea dando prioridade na estrutura municipal. Con estas accións o Concello busca actuar fronte ao lume dun xeito preventivo, facilitar o cumprimento da lei de incendios aos veciños e veciñas, así como apostar por un modelo de concello sustentable e medioambientalmente implicado na conservación e recuperación de hábitats. Trátase dun traballo a longo prazo que deberá ter continuidade ata rematar a plantación nos 59 ámbitos dos núcleos do rural, así como nos 54 ámbitos de vivendas illadas, segundo a revisión de faixas secundarias e adecuación as modificacións establecidas na Lei 3/2007.

Plan prevención incendios

Multimedia

  • Plan prevención incendios
  • Plan prevención incendios