Solapas principales

Preséntase a XXII Carreira pedestre popular Concello de Ames que se celebrará o domingo 22 de outubro

Jueves, 05 de octubre de 2023

Esta mañá a sala de xuntanzas da Casa do Concello acolleu a presentación da XXII Carreira pedestres popular do Concello de Ames que se vai a celebrar o domingo, 22 de outubro, na localidade de Bertamiráns e na súa contorna. A proba contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 18 de outubro, ás 23:59 horas, e pode realizarse premendo nesta ligazón e cubrindo o formulario; ou ben acudindo de xeito presencial ao establecemento comercial Atmósfera Sport, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e mailo técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño, participaron esta mañá no acto de presentación da XXII Carreira pedestres popular do Concello de Ames, que se vai a celebra o domingo, 22 de outubro, na localidade de Bertamiráns e na súa contorna. Por parte dos clubs deportivos de Ames estiveron en dita presentación; José Fernando Sainz García, presidente do Club de atletismo Sar; Ana Albán, presidenta do Club de atletismo MillaRaio; Isabella Vázquez e Jose David Garcia Arcos, presidenta e director deportivo do Club Ames Atletismo.

A proba pertence ao IX Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano de 10 quilómetros, que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro. Este ano debido ás obras que se están realizando nas rúas Ameneiral e Entrerríos, as probas das categorías escolares realizaranse na zona do paseo fluvial.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, comezou dándolle as gracias aos representantes dos clubs de atletismo de Ames que son “os encargados da loxística do evento e de que todo funcione correctamente. Tamén teño que agradecer o traballo do técnico municipal de Deportes e maila colaboración da Federación Galega de Atletismo”. En canto á proba deportiva, a concelleira de Deportes dixo que “é unha carreira na que todos os anos hai un elevado número de inscritos e que conta cun percorrido chan que gusta moito aos e ás deportistas. É un día para desfrutar do deporte e do atletismo en familia”.

Por outra banda, o alcalde, Blas García, tamén agradeceu o traballo e maila colaboración dos clubs deportivos, da Agrupación de Protección Civil e da Policía Local, nesta carreira e noutros eventos que se organizan ao longo do ano. “É un día no que se xuntan unha gran cantidade de persoas, deportistas e familiares, en Bertamiráns, algo que é positivo para promover o deporte, pero tamén para dinamizar a economía local e poñer en valor o noso concello. Trátase dun evento xa consolidado. Este ano vaise a celebrar a vixésimo segunda edición, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, xa que a carreira pedestre está integrada no circuíto provincial de carreiras populares”.

Ademais, o rexedor municipal destacou que “o Concello de Ames aposta polo deporte e agardamos acabar o ano cunha boa nova. Estamos traballando para poñer en funcionamento a agardada zona de lanzamento de Ventín. Todos as actividades deportivas son importantes e necesarias, pero un dos nosos obxectivos é poñer en valor o atletismo e para iso as persoas que practican esta modalidade deportiva teñen que ter unhas instalacións axeitadas. Creo que é unha débeda que ten o Concello cos máis de 100 nenos e nenas do noso concello que practican atletismo e que ademais obteñen moi bos resultados cando compiten en probas galegas e estatais. Agardamos que durante este mandato poidamos dotar a Ames dunhas instalación completas de atletismo, para poder adestrar en condicións e incluso poder organizar algún campionato homologado no lugar de Ventín”.

Inscricións na proba e retirada de dorsais
Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata as 23:59 horas do mércores 18 de outubro, a través da páxina web www.emesports.es. Tamén se poderá realizar de xeito presencial no establecemento comercial Atmósfera Sport, situado na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub20 en diante) terán que aboar unha cota de 7 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é de balde. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun chip que se entregará a cada corredor/a xunto cun dorsal de competición. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello, nº 2, Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado 21 de outubro), en horario de 17:00 a 20:00 horas. Tamén se poderán recoller o propio día, ata media hora antes do inicio da proba. Premendo nesta ligazón podes decargar o mapa de servizos da carreira.

Premios e trofeos
Os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como os tres primeiros da proba absoluta, recibirán un trofeo. No caso da proba absoluta, o trofeo será entregado tamén ás tres primeiras persoas empadroadas no Concello de Ames que chegue á meta e os tres primeiros clubs clasificados.

Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Carreira de Ames repartirá 1.800 euros en premios"

Ames Go: "Ames acolle a XXII Carreira Pedestre o 22 de outubro"

Imaxe da presentación da XXII Carreira pedestre popular Concello de Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación da XXII Carreira pedestre popular Concello de Ames
  • Imaxe da presentación da XXII Carreira pedestre popular Concello de Ames
  • Cartaz da XXII Carreira pedestre popular Concello de Ames