Solapas principales

Preséntase a XII edición do Millarock, que contará coa actuación de catro grupos musicais do panorama galego e nacional

Viernes, 31 de marzo de 2023

A localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, que chega á súa duodécima edición. O evento, que está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, ten como obxectivo promover o rock galego e de impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. A cita musical celebrarase nesta ocasión no mes de xuño, o día 30. Ademais, nesta nova edición cámbiase a localización dos concertos, que pasarán a realizarse no anfiteatro do Milladoiro. Actuarán os grupos A banda da loba, Eladio y los seres queridos, Fillas de Cassandra e Las ninyas del corro, e a entrada será de balde. 

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación de duodécima edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 30 de xuño na localidade, a partir das 21:00 horas. Por primeira vez celebrarase no anfiteatro do Milladoiro (no aparcadoiro da caravanas da avenida do Muíño). Non é a única das novidades que ofrece este ano o evento, que tamén renova a súa imaxe, incorporando un deseño innovador, colorido e novidoso. No acto de presentación participaron a concelleira de Cultura, Natividade González; e a técnica de dito departamento, María Vázquez.

A concelleira de Cultura, Natividade González, comezou a súa intervención afirmando que “Ames medra coa cultura, e o Millarock medra con Ames. Chegamos á edición número doce, unha edición que consolida a este festival como un dos máis esperados da contorna”. “Os tempos medran, e nós medramos e mudamos con eles. Este ano cambiamos a data, e deixamos de ser o pistolazo de saída das festas da Madalena para que o Millarock pase de ser un teloneiro a ser o verdadeiro protagonista. A data sinalada será o 30 de xuño, unha data que sabemos que non compite con outros festivais da contorna, e que nos permite non perder nada da cultura musical que temos no país”, afirmou.

Así mesmo, a concelleira fixo referencia ao cambio de localización do evento musical. “Este ano facemos unha gran aposta, posto que xa estamos a falar dun festival maduro e estable. Queremos poñer en valor, máis ca nunca, ao Milladoiro, e que os nosos veciños e veciñas sigan estando presentes, como todos estes anos, gozando da música que lles gusta. Por iso cambiamos tamén de localización ao anfiteatro, un lugar simbólico para os máis mozos e mozas da vila”.

Para rematar, Natividade González quixo mencionar que “traemos un cartel moi fiel á esencia do Millarock, sendo perceptivos aos cambios e ás novas sensibilidades. Seguimos a ter grupos con música en galego, presenza feminina, bandas emerxentes, música reivindicativa... Abandonamos a idea dos festivais homoxéneos para incorporar rock, indie, sons modernos... E por iso queremos invitar a todos os cidadáns de Ames, así como á veciñanza da contorna e a xente chegada de todos os puntos de Galicia”.

Pola súa banda, a técnica de Cultura, María Vázquez, fixo un repaso pola traxectoria do Millarock dende os seus inicios. “A iniciativa comezou como un certame ao que se podían presentar todas as bandas que quixesen, de estilos musicais moi distintos: pop-rock, metal, hip-hop... Na primeira edición actuaron os tres grupos gañadores do certame, e o festival celebrouse na travesía do Porto, onde tamén tivo lugar en anos consecutivos”, recordou. “Posteriormente as bases foron mudando, e pasou a actuar un só gañador do certame cun cabeza de cartel. Anos despois fíxose un pequeno parón, e retomamos o Millarock no 2016, pero xa non como certame, senón como festival. A última das interrupcións foi no 2020, coa chegada da pandemia, aínda que o proxecto se recuperou no 2021 coas medidas sanitarias axeitadas”, resumiu a técnica.

María Vázquez fixo tamén fincapé en que “a traxectoria do Millarock foi mudando ao longo dos anos, e contou con estilos musicais moi variados. Non obstante, os obxectivos estiveron sempre moi claros: impulsar os grupos noveis, combinándoos con outros grupos máis consolidados, co predominio do rock galego, sen esquecer outras propostas. Sempre buscamos atraer a Ames aos amantes da boa música, promover os grupos locais e da comarca e contar cunha ampla presenza feminina dentro das persoas que compoñen as bandas, adaptándonos aos novos tempos como o concello moderno e innovador que somos”.

Nese sentido, a técnica de Cultura quixo destacar a ampla variedade de bandas e artistas que formaron parte do Millarock ao longo dos seus once anos de historia, mencionando a grandes grupos xa consolidados na escena musical, como Heredeiros da Crus, que conta cunha longa traxectoria; ou The Rapants, cuxa carreira se atopa nun momento de ascenso meteórico. Ademais, recordou a outras formacións participantes que naceron á par que se comezaba a desenvolver o festival e que seguen en activo, como Familia Caamagno e Agorafobia.

Programa do Millarock 2023
Coa chegada do Millarock, O Milladoiro volve a reunir a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos A Banda da Loba, Eladio y los seres queridos e Fillas de Cassandra. Ademais, incorpórase un dúo procedente da escena nacional, Las Ninyas del Corro, que chegarán dende Barcelona.

A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias para crear un proxecto colectivo. No seu repertorio mesturan, ademais de rock, ritmos de pop, blues e folk, creando sons propios. Na actualidade contan con tres traballos publicados: Bailando as rúas (2017), Fábrica de luz (2019) e o EP Hasme Oír (2021). Ademais, ao longo da súa curta traxectoria recibiron galardóns como o Premio aRi(t)mar 2018.

Por outro lado, Eladio y los seres queridos é unha das bandas máis consolidadas do panorama galego, tras máis de quince anos de carreira, 5 discos e numerosas xiras por todo o país. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. O seu último traballo, Academia (2020) está composto por catorce temas “honestos, intimistas e transeúntes”.

O dúo Fillas de Cassandra, procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.

Por último, Las ninyas del Corro, o dúo catalán, chegará a Ames para ofrecer as súas cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Preséntase a XII edición do Millarock, que contará con grupos musicais do panorama galego e nacional"

AMS GO!: "A Banda da Loba, Eladio y los seres queridos e Fillas de Cassandra, no Millarock 2023"

A concelleira de Cultura, Natividade González (esquerda), e a técnica do departamento, María Vázquez, no acto de presentación

Multimedia

  • Cartel do Millarock
  • Preséntase a XII edición do Millarock, que contará coa actuación de catro grupos musicais do panorama galego e nacional
  • Preséntase a XII edición do Millarock, que contará coa actuación de catro grupos musicais do panorama galego e nacional