Solapas principales

Preséntase a segunda campaña "Ilumina o teu sorriso" para promocionar o comercio de Ames

Lunes, 14 de diciembre de 2020

Esta mañá presentouse a segunda edición da campaña Ilumina o teu sorriso que poñen en marcha as tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio e na que colaboran o Concello de Ames, o Centro Dental Macía e o estudo de fotografía Pixelin Photo. Deste xeito, ponse en marcha un concurso de fotografía no que haberá que facer dúas fotos nas que apareza a iluminación de Nadal de dous destes catro lugares: das prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, e das prazas de Manuel Murguía e da Madalena, no Milladoiro. Entre os participantes sortearase un teléfono móbil de última xeración e un circuíto de Spa doados por Centro Dental Macía. O obxectivo é fomentar a actividade comercial en ambas localidades. Ao final da campaña Pixelin Photo encargarase de organizar unha mostra coas mellores fotos. Consulta aquí as bases do concurso.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández; o presidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Javier Santos; o presidente da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López; así como a xerente de Centro Dental Macía, Alejandra Piedrafita, e Adrián Cunha do estudio de fotografía Pixelin Photo, presentaron esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello a campaña Ilumina o teu sorriso.

Para participar no concurso haberá que facer dúas fotos nas que apareza a iluminación de Nadal de dous destes catro lugares do concello: o photocall da praza do Concello, o motivo luminoso co número 2021 da praza da Maía; a árbore luminosa que está na praza de Manuel Murguía e a bola xigante situada na praza da Madalena, no Milladoiro. Poderanse sacar dúas fotos no Milladoiro, dúas fotos en Bertamiráns ou unha foto en cada localidade.

Permitirase unha participación por persoa, que deberá ser enviada xunto co seu número de teléfono, e os seus datos persoais á dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com. As persoas que envíen as fotos entrarán no sorteo dun teléfono móbil de última xeración e nun circuíto de spa doados polo Centro Dental Macía. Neste certame poden participar persoas maiores de 18 anos e as fotografías teñen que ser inéditas. Consulta aquí as bases do concurso.

Nas fotos poderán saír as persoas participantes no concurso xunto aos elementos decorativos de Nadal ou tan só poden saír fotografados os elemento decorativos. O prazo para participar no concurso estará aberto dende hoxe, 14 de decembro, ata o 7 de xaneiro. Unha vez rematado o concurso farase unha selección das fotos máis orixinais que serán expostas nun local municipal. As persoas participantes prestan o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram e Facebook @amesnarua baixo o hashtag #iluminaoteusorriso20 e #amesnarua.

Do mesmo xeito, as asociacións de empresarios resérvanse o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. As persoas participantes son os responsables das autorizacións pertinentes respecto das persoas que aparezan nas fotografías. É imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos do autor: nome, apelidos, data de nacemento, dirección e teléfono de contacto (preferiblemente móbil), e o texto autorizando aos organizadores á difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo.

Iniciativa para fomentar e dinamizar o comercio local
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle as asociacións de comerciantes e empresarios a súa implicación nesta campaña por segundo ano consecutivo. Tamén deulle as grazas ao Centro Dental Macía pola doazón dos agasallos que se van a sortear e ao estudo de fotografía Pixelin Photo por encargarse de organizar a exposición. Ana Belén Paz tamén incidiu en que “estas iniciativas son moi importantes para fomentar e dinamizar o comercio local, sobre todo este ano debido a crise económica provocada pola Covid. Por último, animar aos veciños/as e visitantes a que iluminen o seu sorriso e gocen do Nadal en Ames”.

O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández, destacou “a implicación das tres asociacións de comerciantes e empresarios de Ames nesta campaña. O ano pasado esta campaña tivo moi boa acollida. Agardamos que este ano, a pesar das limitacións existentes pola pandemia da covid, a clientela de Ames tamén participe neste concurso. Animamos a todos os veciños e veciñas de Ames e da contorna a que envíen as súas fotos cos elementos lumínicos de Nadal”.

O presidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Javier Santos, indicou “alegrámonos moito de que esta campaña de promoción económica se vaia consolidando en Ames. Ademais, gústanos que se incentive a mobilidade intramunicipal entre Bertamiráns e O Milladoiro. Este ano debido á pandemia as características do concurso son un pouco especiais, pero agardamos que esta situación se poida corrixir de cara a próxima edición. É moi doado participar xa que as fotos se poden facer e enviar dende un móbil, polo que animamos a todos os clientes do comercio e de servizos a enviar as súas fotos, e canto máis artísticas sexan moito mellor”.

Difusión das fotografías en Facebook e Instagram
O presidente da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, destaca que é unha campaña moi positiva para o comercio local. “Estamos satisfeitos de que se poidan realizar a segunda edición desta iniciativa. Este ano as fotos publicaranse tamén na rede social de Facebook, polo que se poderán ver en Instagram e Facebook, ampliando así a visibilidade da campaña e difusión das fotografía. Animo a toda á veciñanza a participar no concurso, a ver o alumeado de Nadal de Bertamiráns e do Milladoiro e a mercar nos comercios de Ames”.

A xerente de Centro Dental Macía, Alejandra Piedrafita, tamén fixo unha valoración moi positiva da campaña Ilumina o teu sorriso “xa que é unha iniciativa que fomenta a saúde a maila economía local. Estamos encantados de colaborar neste concurso que aposta por manter a ilusión e maila maxia do Nadal”.

Por último, dende o estudo de fotografía Pixelin Photo, Adrián Cunha, incide en que “para a mostra que se fai realizar escolleranse aquelas fotos máis divertidas e orixinais. Deste xeito, animamos á veciñanza a que mostre nas súas fotos esa enerxía positiva que tanta falta fai neste tempos e se animen a saír a rúa a pasear e a mercar no comercio local”.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: «Ilumina o teu sorriso», nueva campaña de apoyo al comercio de Ames"

Revista AmesGo: "Campaña de apoio ao comercio local a través da fotografía"

Imaxe da presentación da campaña Ilumina o teu sorriso

Multimedia

  • Imaxe da presentación da campaña Ilumina o teu sorriso
  • Cartel da campaña Ilumina o teu sorriso
  • Imaxe da sinatura das bases do concurso Ilumina o teu sorriso