Solapas principales

Preséntase a oferta das Escolas deportivas para o curso 2023-2024

Lunes, 11 de septiembre de 2023

O Concello de Ames presentou esta mañá a programación da Escolas deportivas para o curso 2023-24. Este ano, as Escolas contan na categoría de formación deportiva con catorce actividades, e na de “Ponte en forma” con sete actividades. A preinscrición pode realizarse dende hoxe ata o vindeiro domingo, 17 de setembro, a través da plataforma Cronos. Preme aquí para coñecer en detalle a programación e mailas instrucións de preinscrición.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde de Ames, Susana Señorís, e o técnico do departamento, Alberto Viaño, presentaron esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames a oferta das Escolas deportivas para o curso 2023-2024. Trátase dunha programación variada que abarca actividades para todas as idades e gustos, e que se desenvolverá entre o 2 de outubro e o 15 de xuño de 2023.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou que “coincidindo co inicio do curso escolar facermos a presentación do programa das Escolas deportivas 2023-2024, a través do cal se pretende fomentar a practica deportiva entre a veciñanza amesá e ao mesmo tempo que sirvan como actividades de conciliación para as familias do noso concello. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 11 de setembro, ata o día 17. Para inscribirse hai que empregar a plataforma web Cronos como en edicións anteriores. A información do programa está publicada na web municipal. Para as actividades que haxa máis inscricións que prazas ofertadas haberá que un sorteo que se fará o 18 de setembro”.

Susana Señorís destacou que “este ano inclúese unha nova actividade respecto á anterior edición que é de baile moderno. Foi unha actividade que nos demandaron para os nenos e nenas e por iso a incluímos para este curso 2023-2024. O programa de Escolas deportivas inclúe 14 actividades, mentres que o programa Ponte en Forma dirixido a persoas maiores de 14 anos esta composto por 7 actividades. Este ano por petición das ANPAS axustamos algúns dos horarios por un tema de conciliación e para permitir que todos os nenos e nenas que así o desexen poidan participar nas actividades das Escolas deportivas. É un programa que funciona moi ben e contamos con máis de 1.700 usuarios/as nas distintas actividades que se ofertan”.

O técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño, lembrou que “cada persoa pode preinscribirse nunha actividade e posteriormente iniciado o curso pódese acceder a unha segunda actividade se existen prazas libres. As inscricións hai que realizalas a través da plataforma web Cronos, pero se calquera persoa ten algunha dúbida á hora de tramitar a inscrición poden pasar de xeito presencial polas oficinas de Deportes situadas nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro”.

Oferta e tarifas
Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, squash, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Como novidade, e por petición da veciñanza, engádese tamén por primeiro ano unha nova actividade: baile moderno. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe adestramento funcional; aerozumba; ioga; GAP (hipopresivos) – Aerocombat; pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento.

As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.

Preinscrición
O prazo de preinscrición vai do 11 ao 17 de setembro e realizarase unicamente a través da páxina web de Cronos. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular, confirmar o correo electrónico recibido e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (prema aquí para ver as instrucións a seguir). A inscrición xerará un número de rexistro que será o número co que se identifique a persoa inscrita na listaxe xerada polo resultado do sorteo.

Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 18 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 19 de setembro na páxina web do Concello de Ames.

A poboación empadroada no concello de Ames poderá inscribirse e formalizar a matrícula durante o prazo de inscrición (no mes de setembro). Durante o curso tamén se poderá inscribir aboando a parte proporcional do custe do curso completo. A poboación non empadroada poderá inscribirse unha vez rematado o prazo de inscrición do mes de setembro e sempre e cando queden prazas libres.

Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.

Adxudicación de prazas, pagamento e baixas
Unha vez publicada a listaxe de admitidos na páxina web municipal o 19 de setembro, as persoas que obtiveran praza deben solicitar a folla de autoliquidación. O trámite poderá realizarse a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96 ou realizar a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción de “pagar taxas”. Outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas da praza Horta de Abaixo, nº 6 en Bertamiráns ou na rúa Viorneira, nº 6 no Milladoiro.

Unha vez feita a autoliquidación no prazo estipulado (do 19 ao 26 de setembro), non é preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.

As prazas libres en cada actividade figurarán nunha listaxe que se actualizará todos os meses. Neste caso, o alumnado inscrito nunha actividade poderá matricularse noutra na que quedasen prazas libres. Por outra banda, as baixas deben tramitarse por escrito, e se un alumno/a acumula máis de 5 faltas inxustificadas cada mes, darase de baixa de oficio e ofreceráselle esa praza a outra persoa.

Podes consultar toda a información sobre a oferta das actividades deportivas e as instrucións de preinscrición nesta ligazón.

Presentación da oferta das Escolas deportivas

Multimedia

  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024
  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024
  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024
  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024
  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024
  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024
  • O luns 11 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2023-2024