Solapas principales

Preséntase o sistema de detección temperá de inundacións instalado no rego dos Pasos de Bertamiráns

Martes, 28 de marzo de 2023

Este mércores, 29 de marzo, ás 13.00 horas, preséntase o sistema de detección temperá de inundacións que se executou no paseo fluvial de Bertamiráns. Concretamente instalouse unha estación de aforo no rego dos Pasos, afluente do río Sar. Dita actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, e dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames. Na instalación deste sistema realizouse un investimento total de 11.555,50 euros (IVE incluído). Permitirá dispor dunha monitorización do nivel do caudal en tempo real para tratar de evitar enchentes.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que se executou nos últimos meses foi a instalación dunha estación de aforo no regos dos Pasos que permitirá a detección temperá de inundacións no paseo fluvial de Bertamiráns. Esta actuación foi executada pola empresa Prointega Ingeniería SL por un importe de 11.555,50 euros (IVE incluído).  

No acto de presentación intervirán o concelleiro da unidade executora da EDUSI encargado deste proxecto, Manuel Lens; o técnico municipal do Ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente; o xerente de Prointega Ingeniería SL, Fernando Lema; e mailo alcalde de Ames, Blas García.

A actuación executouse no rego dos Pasos, no paseo fluvial de Bertamiráns, a ambas marxes da estrada AC-543. Dun lado colocouse un panel solar fotovoltaico e mailo armario de control do sistema, e doutro lado está o nivel de medición do caudal e maila sonda de nivel. É sistema de prevención de inundacións que proporciona unha alerta en zona de risco de enchentes.

Trátase dun innovador sistema de detección temperá de inundacións que permitirá coñecer, a tempo real, o nivel de caudal do río. Este sistema permite dispor dunha monitorización do nivel do caudal en tempo real. Conta cun sistema de alimentación autónomo mediante enerxía solar e emprega unha tecnoloxía sustentable e respectuosa co ambiente.

Esta estación de aforo responde ao Plan de Xestión de Riscos de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que recolle a declaración de 207 Áreas con Risco Potencial de Inundación. Con esta estación de monitorización de nivel disporase de información a tempo real para saber como actuar, para anticiparnos e tomar as medidas axeitadas ante o risco de enchente.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames presenta un sistema de detección temperá de inundacións no paseo fluvial de Bertamiráns"

Preséntase o sistema de detección temperá de inundacións instalado no rego dos Pasos de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe do nivel de medición do caudal
  • Imaxe do nivel de medición do caudal
  • Imaxe do panel solar
  • Imaxe do panel solar