Solapas principales

Preséntase o proxecto de creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns

Lunes, 17 de octubre de 2022

O Pazo da Peregrina acolle este martes, 18 de outubro, ás 20.00 horas, a presentación do proxecto de creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Intervirán no acto a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, o redactor do proxecto da empresa Estudio Técnico Gallego, Pablo Blanco, e mailo alcalde de Ames, Blas García. Dito proxecto atópase en fase de licitación e conta cun orzamento base de contratación de 1.347.000 euros.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Nestes intres está en fase de licitación o proxecto de creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns, que conta cun orzamento base de contratación de 1.347.000 euros. Para dar a coñecer dita actuación entre a veciñanza e mailas asociacións do concello, vaise a presentar este proxecto nun acto público que terá lugar este martes, 18 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina.
 
Trátase dun dos proxectos máis importantes recollidos na EDUSI Impulsa Ames, xa que vai crear un eixo vertebrador de todo o núcleo urbano de Bertamiráns, a través da peonalización de rúas e a creación dun espazo cidadán que favoreza o paseo, actividades comerciais e de lecer sen o uso do automóbil. No acto intervirán a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, o redactor do proxecto da empresa Estudio Técnico Gallego, Pablo Blanco, e mailo alcalde de Ames, Blas García.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na EDUSI Impulsa Ames a través da cal o Concello abordará as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas. Crearase un espazo público de calidade, que convidará a que os percorridos cotiáns da poboación se realicen a pé; proporcionará unha boa comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuirá á dinamización da economía local.

Creación dun gran espazo cidadán
As actuacións proxéctanse sobre o sistema viario existente, pensado e proxectado desde a perspectiva do automóbil, e teñen por obxecto reverter esta situación en favor do tráfico peonil e ciclista, de maneira que a améndoa central de Bertamiráns se converta nun gran espazo cidadán no que se dea prioridade aos percorridos a pé e en bicicleta e se dinamicen as actividades comerciais e de lecer. Coas actuacións proxectadas non se pretende prohibir o emprego do automóbil, senón que se busca limitar o seu uso e incrementar o espazo destinado ao peón en detrimento do dobre sentido de circulación e do espazo de estacionamento.

A necesidade de coordinar a execución das obras co elevado volume de tráfico rodado que soportan os viarios afectados na actualidade, fai necesaria a definición de tres ámbitos de actuación non coincidentes no tempo, de forma que a finalización de cada actuación permita a posta en servizo do espazo público, co obxectivo de minimizar as molestias ocasionadas á poboación. Tendo isto en conta defínense tres ámbitos de actuación sucesivas no tempo.

Primeira fase: avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo e praza da Maía
A actuación máis adecuada que contribúa á creación dun espazo público de calidade é a que permite darlle continuidade á praza da Maía sobre a avenida da Maía e a rúa Alcalde Lorenzo ata a praza do Concello, incrementado o espazo peonil e promovendo a convivencia co vehículo en condicións de seguridade. Con esta finalidade proxéctase un gran espazo compartido de prioridade peonil, mediante unha plataforma ao mesmo nivel entre a praza da Maía, avenida da Maía e Alcalde Lorenzo.

Segunda fase: rúa do Ameneiral e rúa Entrerríos
A transformación da rúa do Ameneiral contempla unha plataforma única a nivel que lle dea continuidade á praza do Concello e mediante a redución do espazo destinado ao automóbil créase un itinerario peonil e ciclista que favoreza a conexión dos futuros carreiros escolares. A actuación prevista para a rúa Entrerríos concéntrase na intersección coa rúa do Ameneiral, co fin de actuar como medida de acougado do tráfico da circulación dos vehículos ao seu paso pola devandita intersección.

Terceira fase: travesía da Peregrina e rúa Rueiro
A travesía da Peregrina configurarase como unha ampliación da praza da Maía no seu acceso ao parque do Ameneiral e actuará de conexión do futuro itinerario entre o centro urbano e a zona escolar co mesmo parque. O tramo da rúa Rueiro que discorre entre a travesía e a avenida da Peregrina asumirá o tráfico que se suprime da actuación anterior, pero sen prexuízo do incremento dun espazo peonil que na actualidade non da cumprimento á normativa de accesibilidade.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Menos coche y más zapato: avanza la peatonalización para Bertamiráns"

La Voz de Galicia: "La humanización de Bertamiráns se desarrollará en tres fases"

Infografía da fase 1 da obra para a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns

Multimedia

  • Convite da presentación do proxecto de creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns
  • Infografía da fase 1 da obra para a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns
  • Infografía da fase 2 da obra para a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns
  • Infografía da fase 2 da obra para a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns
  • Infografía da fase 3 da obra para a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns