Solapas principales

Preséntase o plan municipal de incendios forestais para 2023

Miércoles, 05 de julio de 2023

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2023, que inclúe as actuación en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. En dito plan están recollidas as medidas e pasos que hai que dar segundo a magnitude do lume e da situación de emerxencia, así como os medios dos que dispón o Concello, os diferentes grupos de intervención e os contactos e teléfonos das persoas e grupos que forman parte de dito dispositivo. Premendo nesta ligazón podes decargar o plan municipal de incendios forestais de 2023.

O Concello de Ames xa conta cun plan de incendios para este 2023, un dispositivo con pequenas modificacións con respecto a anos anteriores e que busca continuar coa coordinación e a implicación de todas as persoas e grupos implicados. O plan recolle varios grupos de intervención con tarefas diferenciadas, actuacións segundo a categoría de lume sinalada no correspondente PEIFOGA, así como un inventario de medios e contactos de persoal municipal, así como a súa dispoñibilidade.

A presentación do dispositivo tivo lugar hoxe no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, coa asistencia dunha importante representación das agrupacións e persoas implicadas na prevención de lumes. Conduciron o acto o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, e maila técnica do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda. Ademais, participaron en dita presentación o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; o concelleiro responsable das áreas de seguridade, tráfico e transporte, Víctor Fernández; e a concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís.   
 
Tamén asistiron axentes da Policía Local, o presidente da Agrupación de Protección Civil, representantes das empresa Espina & Delfín, Urbaser e GST, membros da Brigada municipal de obras e do servizo do tractor municipal, o técnico municipal do ciclo integral da auga, os técnicos do departamento municipal de informática, e José Benjamín García, responsable do tractor cisterna con lanzadeira.

Dito plan recolle unha serie de medidas preventivas: rede viaria forestal; rede de puntos de auga; rede de vixilancia; outras infraestruturas de apoio; e maila rede de faixas de xestión de biomasa na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias.

Repoboación con frondosas caducifolias
A rede de faixas de xestión da biomasa é unha ferramenta definida por lei como xeito de prevención fronte a incendios forestais nos núcleos rurais, e tamén como xestión da biomasa que nelas se require onde se elimina unha grande cantidade de masa forestal. A finalidade deste plan é poñer en mans da veciñanza unha ferramenta que lles permita repoboar as súas terras con frondosas caducifolias, colaborando coa prevención de incendios e ao mesmo tempo evitando a diminución drástica de superficie arborada do concello e da perda de biodiversidade.

Os espazos definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa son predefinidos nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. A xestión da biomasa vexetal realízase nunha franxa de 50 metros perimetral a solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, tamén arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, gasolineiras, cámpings, polígonos e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte. Os beneficiarios son os propietarios dos terreos incluídos nos espazos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, en cada parcela subvencionase o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias.

Presentación do plan de incendios
O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, destacou que “o Concello de Ames aposta pola medidas preventivas fronte aos incendios forestais. Deste xeito, o plan municipal de incendios forestais non só se centra no período estival, senón que abarca os doce meses do ano xa que ditas medidas preventivas realízanse ao longo de todo o ano. Entre as medidas preventivas cómpre destacar o traballo que se realiza a través da repoboación con frondosas caducifolias que son as que impiden que chegue o lume, no caso de que haxa un incendios, ás vivendas, aos polígonos, gasolineiras, etc. Trátase dunha medida pioneira implantada en 2017 e que está funcionando moi ben”.

Sobre o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais dixo que “é importante porque temos que estar preparados, coordinados e organizados para chegar o máis rápido posible e sobre todo ser eficaces na extinción dos incendios forestais. Dende o Concello temos que poñernos a disposición do Distrito forestal e do director/a de extinción. No momento no que requiran da nosa intervención temos que dispor dun protocolo de actuación para que cada equipo coñeza o que ten que facer en cada momento”.

A técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, tamén destacou “as medidas preventivas que se executan ao longo de todo o ano na rede de faixas de xestión de biomasa na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias, pero ademais realízase un importante traballo para manter limpos os camiños e pistas forestais a través dun convenio que se establece coa Xunta de Galicia. É fundamental manter transitables e en bo estado estes camiños”.  Ademais, destacou “o traballo feito polos voluntarios e voluntarias da Agrupación de Protección Civil, para xeolocalizar os puntos hidrantes que existen no concello, ademais de diferenciar os dous tipos de hidrantes que existen, co obxectivo de localizar o hidrante máis próximo a un lume forestal, así como o tipo de boca que ten o hidrante en cuestión”. Por último, dixo que “é fundamental traballar en coordinación baixo o mando do director/a de extinción”.

A quenda de intervencións pechouna o alcalde, Blas García, que dixo “Ames foi un Concello pioneiro na posta en marcha de medidas preventivas na rede de faixas de xestión de biomasa coa repoboación con frondosas caducifolias, pero creo que tamén o somos con este plan de incendios forestais que xa levamos presentado varios anos seguidos. Neste plan establécense tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. Recóllese o peor dos escenarios nun lume forestal que é o nivel 3 de emerxencia, que agardemos que non haxa que activar nunca. É bo ter a maquinaria engrada e con isto quero dicir que todos os que formamos parte de dito operativo coñezamos o protocolo de actuación. Teño que agradecer a colaboración de todas as empresas que participan neste operativo, ao persoal municipal, aos concelleiros/as e especialmente a Patricia Reboreda e ao persoal da Agrupación de Protección Civil porque son voluntarios/as. Conseguimos dispor dunha brigada de extinción dentro do grupo de Protección Civil que traballan moi ben, tanto se teñen que facer extinción como evacuación”.

Dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais
O plan de incendios recolle e organiza os medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar de forma rápida e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do plan de incendios na temporada de alto risco, que vai dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. Así ante un incendio forestal no concello cada departamento e persoa sabe cal é a súa labor a levar a cabo evitando ou minimizando os imprevistos, e facilitar a colaboración do concello co director/a de extinción.

Deste xeito, establécense varios grupos: o grupo de intervención (distrito III, a Policía local e a agrupación de Protección civil, brigada municipal de medio ambiente…), o grupo de loxística (Policía Local e Autonómica, Garda Civil, Protección Civil, brigada municipal de obras …), o grupo de transmisións (GST, informáticos municipais e o departamento de prensa); e tamén colaborarán o persoal da Concellería de Medio Ambiente e Rural, da Concellería de Obras e Servizos Básicos, da Concellería de Seguridade, da Concellería de Sanidade e da Concellería de Comunicación.

Ademais o plan recolle unha lista de medios materiais de xestión privada con distintas dispoñibilidades para o Concello, que inclúen camións, tractores cisterna, desbrozadoras, bomba de achique, grupo electróxeno, camión grúa, autobuses, transporte adaptado e dispositivos de comunicación.

Protocolo a seguir en caso de incendio
Cómpre lembrar que as operacións de extinción de incendios están a cargo dos Distritos Forestais e as actuacións do Concello están baixo as directrices do/a director/a de extinción.

No protocolo a lei establece tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. O nivel 1 de pre-alerta non implica a activación do dispositivo municipal e o incendio pode solucionarse con medios adscritos ao PLADIGA e a afectación á poboación é nula ou moi reducida (PEIFOGA en situación 0). O nivel 2 de alerta actívase cando o PEIFOGA está en situación 1, ben no concello ou no distrito, ou en incendios xa controlados nos que sexa necesario un control da zona afectada para evitar reactivacións. Nesta situación o Concello pon a disposición do Distrito Forestal III os medios propios.

No nivel 3 de emerxencia actívase cando o PEIFOGA está en situación 2, cando o incendio afecta á poboación dentro do municipio. Neste caso, o Concello colabora realizando tarefas de colaboración nas zonas habitadas; colaboración na axuda e evacuación de persoas se fose preciso; colaboración na protección de bens non forestais afectados polo incendio; apoiando ao posto de mando avanzado cos medios materiais que sexan necesarios; comunicando a evolución do incendio para facilitar a súa avaliación; colaborando na proposta de obxectivos e prioridades para a extinción do incendio; e asesorando na proposta de retornar ao nivel 0, segundo a evolución do incendio.

Por último, o plan recolle os puntos hidrantes que existen no termo municipal. O persoal da Agrupación de Protección Civil facilitou unha ligazón actualizada ao Google maps no que se indican as localizacións dos hidrantes do concello coas características das chaves e bocas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O plan amiense contra os incendios forestais inclúe a xeolocalización dos puntos hidrantes"

La Voz de Galicia: "Árboles bomberos, hidrantes con GPS y voluntarios especializados, las claves de Ames contra el fuego"

AMS GO!: "Ames presenta o seu plan contra incendios de 2023"

Imaxe do acto de presentación do plan municipal de incendios forestais para 2023

Multimedia

  • Imaxe do acto de presentación do plan municipal de incendios forestais para 2023
  • Imaxe do acto de presentación do plan municipal de incendios forestais para 2023
  • Imaxe do acto de presentación do plan municipal de incendios forestais para 2023
  • Imaxe do acto de presentación do plan municipal de incendios forestais para 2023