Solapas principales

Preséntase o Plan Municipal de actuación fronte a incendios forestais para o ano 2020

Jueves, 09 de julio de 2020

“Calma e que cada un actúe segundo o plan previsto”. Así se pronunciaba  o alcalde, José Miñones, na presentación do Plan de Prevención de Incendios que onte reuniu no pazo da Peregrina a unha vintena de persoas implicadas na loita contra o lume no Concello de Ames. O Plan determina a categoría dos lumes segundo a súa gravidade, contempla os pasos que se deberán dar en cada un dos casos, recolle o inventario de medios propios e concertados dos que dispón o Concello, fai un resume da loxística que se debe seguir e reúne os contactos e teléfonos das persoas e grupos involucrados nesta lide contra o lume. Un mapa de ruta que, sen dúbida,  facilitará a actuación de cada un dos sectores implicados en caso de producirse un incendio no noso Concello.

“Oxalá non nos teñamos que ver este verán”. O desexo expresárono  o alcalde, José Miñones, e mailos concelleiros de “Transición Ecolóxica e Medio Rural” e “Obras e Servizos”, Manuel Lens e Blas García que onte presentaban o Plan de Loita contra Incendios 2020 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Porén, de seguro era o desexo das ao redor de vinte persoas que se reuniron para repasar os protocolos que un ano máis pon en marcha o Concello co obxectivo de estar preparados por se, especialmente na época estival, se desata un incendio no noso concello. Miñones agradeceu a presenza de todos os implicados e salientou a importancia de contar cun plan que facilite a actuación en caso de perigo: “Ter un plan e coñecelo implica saber o que se ten que facer, garante a coordinación diante dunha situación de alarma e facilita inmensamente o traballo”.

Pola súa banda, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens detallou os medios cos que na actualidade conta o Concello de Ames na súa loita contra o lume e agradeceu a todos e todas as asistentes e interese posto no Plan. Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos gabou a implicación de Protección Civil, “cuxo papel na loita contra o lume é fundamental na actualidade” e lembrou a formación específica para intervir en incendios que recibiu persoal de esta Asociación.  

Coordinación de medios
A través deste plan artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames para paliar as consecuencias no caso de que un incendio forestal se converta nun perigo para as persoas e os bens municipais

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais  está composto por diferentes grupos operativos e persoal municipal. Os distintos equipos de intervención englóbanse  en grupos de prevención, sanitario e acción social, de transmisións e coordinación operativa, e de loxística e seguridade. Este último está formado por membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica, a brigada de obras, a Asociación de Protección Civil e de GES-Brión; mentres que o equipo sanitario e de acción social, inclúe traballadores/as sociais, médicos/as de atención primaria e voluntarias/os.

Trátase de unir esforzos e colaborar con medios propios e concertados na extinción de incendios. Para elo, o Concello de Ames pon a disposición do distrito forestal todos os medios posibles para atallar estas situacións de risco.

A colaboración cidadá é vital no funcionamento deste plan, polo que se anima á veciñanza que comunique as forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso ou a existencia dun incendio, a través do teléfono  092 ou 112.

Medios propios e equipamentos a mobilizar
Os medios e o persoal do que dispón o Concello son a brigada de medio ambiente, o persoal das distintas concellarías de medio ambiente e obras públicas, o parking móbil, grúa con cesto municipal e mailo tractor lanzadeira. Ademais, dentro de dito plan, cóntase cos medios da empresa espina & Delfín (pala mixta, dumper xiratorio, camión grúa, pick-up, grupo electróxeno 5KVA e unha desbrozadora), pala de rodas e cadeas, un tractor cisterna de empresa Urbaser, un tractor forestal, un tractor municipal e os autobuses da empresa Rías Baixas. Cóntase tamén cunha retroescavadora municipal e unha motobomba de 600 litros que ten Protección Civil.

Ademais no Plan especifícase unha listaxe de equipamentos e contactos que podería mobilizar en relación co Plan de prevención e extinción de incendios forestais. Moito do persoal e material está dispoñibles as 24 horas do día. Así acontece co persoal de Protección Civil, o condutor do tractor cisterna con lanzadeira, o camión cisterna que dispón de 10.000 litros de carga, os medios da empresa Espina & Delfín, así como o persoal municipal incluído dentro de dito plan). Neste sentido destaca a cantidade de material do Concello que se atopa inventariado para o seu uso: máscaras, gafas, solapas, cascos, chalecos, buzos, puntas de lanxa, fachos, batelumes, mangueiras, palas, fouces, picarañas, sachos, laias,s erras, cantimploras, fouciños de monte, machadas, anciños e forcadas.

Protocolo a seguir en caso de incendio
No protocolo establécense tres tipos de situacións de emerxencia, segundo a magnitude do lume, os bens forestais e de natureza non forestal aos que afecten e as necesidades e medios que se precisen para atallalo. Detállanse tamén no documento os pasos a seguir en cada unha das situacións.

No momento en que se teña coñecemento dun incendio, ben sexa por chamada de particular,do 112 ou do Distrito Forestal, a Protección Civil ou á Policía Local, serán os primeiros en desprazarse ata o lugar do incendio. Desde o ano 2018 a Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil ten unha brigada de extinción, a cal funciona no termo municipal de Ames, en coordinación e colaboración co Distrito Forestal III.

Unha vez que as brigadas contra incendios acudan ao lugar, o responsable da Policía Local ou Responsable de Protección Civil poñerase en contacto co Director de Extinción para preguntar a situación na que nos atopamos (0, 1, 2 ou 3 segundo definición do PLADIGA 2020) e si necesita mobilizar medios propios, e en caso afirmativo cales son os necesarios. Será polo tanto a persoa designada pola Policía Local ou Responsable de Protección Civil, nun primeiro instante, a que fará de interlocutor co Director de extinción segundo as necesidades que se vaian solicitando.

Logo os responsables da Policía Local ou Responsable de Protección Civil chamará ao alcalde ou persoa delegada para dar conta da situación e/ou da necesidade de medios. O Alcalde dará aviso aos Concelleiros de Transición Ecolóxica e Obras e Servizos Básicos para dar conta da situación.

Entón o concelleiro de Transición Ecolóxica ou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos será o encargado de facer as chamadas correspondentes dos servizos solicitados para desprazarse ata o lugar indicado. En caso de incendios máis graves, que orixinen situación 2 ou 3 definidas no PLADIGA 20 avisarase ao técnico de Medio Ambiente/Emerxencias correspondente para que se persoe no lugar, para unha mellor coordinación dos servizos. Neste suposto serán os técnicos os que pasen a facer as labores de interlocución co Director de Extinción.

Máis de 20 persoas asistiron á presentación do plan

Multimedia

  • O Plan contempla con claridade os pasos a dar ante un posible incendio