Solapas principales

Preséntase a nova Escola de tecnificación que desenvolverá o RC Deportivo en Ames en colaboración co Bertamiráns FC e co Concello

Jueves, 27 de febrero de 2020

Esta mañá presentouse a nova Escola de tecnificación que vai a poñer en marcha o RC Deportivo da Coruña en Ames, en colaboración co Bertamiráns FC e co Concello. Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración que teñen subscrito ambos clubs dende o ano 2015. Trátase da primeira Escola de tecnificación que pon en marcha o club coruñés fóra da contorna da Coruña. Esta Escola estará aberta durante os meses de abril, maio e xuño. No caso de que a iniciativa teñan boa receptividade e haxa suficiente participación, a próxima temporada abrirá no mes de setembro. Está dirixida a todos os rapaces e rapazas da contorna de Ames que teñan de 6 a 14 anos. Haberá dúas quendas; unha ás 16.30 e outra ás 17.30 horas. Pódese escoller entre 1 ou 2 horas de adestramento á semana. Haberá que inscribirse como mínimo nun mes.

A presentación, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, correu a cargo do alcalde, José Miñones, da concelleira de Deportes, Susana Señorís, do adestrador e director dos Depor Campus, Pablo Barros, do presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e do secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas.

O adestrador e director dos Depor Campus, Pablo Barros, foi o encargado de explicar as características da Escola de tecnificación que se vai desenvolver en Ames. “O motivo de instalar aquí en Ames unha nova Escola de tecnificación é que somos coñecedores da calidade dos nenos e nenas desta zona. Temos xa varios nenos do Bertamiráns FC que están adestrando co RC Deportivo e por iso queremos ampliar a colaboración que xa temos co Bertamiráns FC e estar máis no día a día do traballo que se realiza neste club. A Escola vai a establecerse por un período inicial de tres meses, de abril a xuño, pero agardamos que haxa unha boa participación, para de cara a próxima temporada xa poder comezar no mes de setembro”.

Está Escola está aberta a todos os rapaces e rapazas da contorna de Ames que teñan de 6 a 14 anos. Haberá dúas quendas; unhas ás 16.30 e outra ás 17.30 horas. Cada sesión de adestramento é dunha hora e pódese escoller entre 1 ou 2 horas de adestramento á semana. Haberá que inscribirse como mínimo nun mes. As inscrición pódense realizar en http://escola.rcdeportivo.es/. Ofértanse 20 prazas por cada quenda de adestramento.

Tecnificación, coordinación e desenvolvemento motriz
Os adestramentos de dita Escola estará supervisados e titorizados por adestradores do RC Deportivo. Impartirase unha formación complementaria ao traballo que realizan os rapaces e rapazas nos seus clubs. Deste xeito, impartirase un traballo de tecnificación, coordinación e desenvolvemento motriz en grupos reducidos de 6-7 nenos/as. A cada participante entregáraselle unha equipamento co que deberá acudir aos adestramentos. Coa inscrición tamén disporán dun seguro de accidentes e ao final da estancia na Escola recibirán un diploma.

Algúns dos rapaces e rapazas que participen nesta iniciativa terán a oportunidade de acudir á Cidade deportiva de Abegondo a adestrar con algún dos equipos das categorías de base do RC Deportivo da Coruña. Ademais, nos adestramentos da Escola poderán participar algúns dos adestradores do Bertamiráns FC que recibirán formación por parte do RC Deportivo.

Para máis información pódese acceder á paxina web http://escola.rcdeportivo.e. Tamén se pode enviar un correo electrónico a escola@rcdeportivo.es ou chamar ao número de teléfono 981 25 95 00 (extensión 2).

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu o traballo do RC Deportivo e do Bertamiráns FC para a posta en macha desta nova Escola de tecnificación en Ames, “porque é unha nova posibilidade de mellorar para os rapaces e rapazas que practican a disciplina do fútbol e porque tamén é unha nova opción para que as familias poidan conciliar a súa vida familiar e laboral. Alégrome que sexa unha Escola mixta e ogallá serva para que os/as participantes poidan mellorar a súa técnica e a súa formación deportiva”.

O secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, destacou que “esta nova iniciativa se enmarca no convenio de colaboración que teñen subscrito ambos clubs dende o ano 2015. Trátase dunha actividade moi interesante é diferente ao que se viña ofrecendo en Ames ata este momento, polo que nos parece que vai ter boa aceptación entre os rapaces e rapazas do noso club e doutros clubs da contorna. Está destinado aos xogadores/as dos clubs desta zona, así que animámolos a que se inscriban e veñan probar”.   

Proxecto de mellora do campo de fútbol de Bertamiráns
O Concello de Ames tamén colabora no desenvolvemento desta iniciativa coa cesión das instalación municipais do campo de fútbol de Bertamiráns, onde se van a realizar os adestramentos de dita Escola. Neste senso o alcalde de Ames, Jose Miñones, aproveitou esta presentación para anunciar que hoxe se abriu un dos sobre do proceso de licitación do cambio de céspede do campo de fútbol de Bertamiráns e reforma desta área deportiva.

“Hai tres empresas que optan a este contrato e agora haberá que facer a baremación da oferta económica e da calidade técnica de cada proposta. O obxectivo é que as obras se executen durante os meses de xullo e agosto, incluso setembro se fose necesario. As obras consistirán na renovación do céspede, das torres de iluminación e do sistema de rego. Trátase dunha aposta firme por parte deste goberno municipal, para a renovación das instalacións deportivas e iso vai a repercutir na mellora da practica deportiva”, explicou Miñones.

Imaxe da presentación da nova Escola de tecnificación que desenvolverá o RC Deportivo en Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación da nova Escola de tecnificación que desenvolverá o RC Deportivo en Ames