Solapas principales

Preséntase a I Xornada de cultura inclusiva de Ames que se vai celebrar este venres 27 de maio

Miércoles, 25 de mayo de 2022

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe pola mañá a presentación da primeira Xornada de cultura inclusiva Ames, que se vai desenvolver este venres, 27 de maio, nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames e colaboran a Fundación Igual Arte,   e mailos establecementos Mayzu Hogar e Máis que Louza. Da xestión dos espectáculos encárgase Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega. O programa inclúe intervencións artísticas en escaparates e un concerto do grupo Chungo Pastel, ás 20.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. Esta iniciativa nace con vontade de ter continuidade.

O acto de presentación da primeira Xornada de cultura inclusiva Ames correu a cargo de Blas García, alcalde de Ames; Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Fran Rei, integrante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega; e Gustavo Prado, representante do establecemento comercial Máis que Louza.

Abriu a presentación a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, que explicou “o que se pretende facer é cambiar os escenarios polos escaparates para poder achegar así a arte ás rúas. Esta iniciativa o que pretende é reivindicar a diversidade e mailo dereito á arte. É unha acción que nace como unha proposta urbana e o que pretende é achegar a arte inclusiva a toda a veciñanza. Deste xeito o que se vai facer é sacar a arte dos espazos escénicos habituais e levala á rúa para que todo o mundo o poida visibilizar. O que intentamos con esta primeira xornada é fomentar a inclusión, asi como normalizar a súa presenza no mundo das artes. Teremos espectáculos de acrobacia circense e danza nas intervencións artísticas en escaparates e un concerto do grupo Chungo Pastel na praza da Maía”. Luísa Feijóo rematou a súa intervención mencionando unha frase da Fundación Igual Arte que di “el arte es un derecho que nos pertenece a todos y a a todas”.  
 
A continuación interveu Fran Rei, integrante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega. Comezou dicindo que “a cultura inclusiva é algo que está en emerxencia e que xa non ten stop”. Ademais, destacou que o programa desta xornada inclúe “propostas de enorme calidade artística. O grupo Chungo Pastel ofrecerá un concerto para todos os públicos. Ao ser nun espazo exterior como é a praza da Maía vaise crear un gran ambiente. Ademais, tirando da tendencia que hai agora de sacar a cultura dos espazos pechados, vanse a facer dúas representacións en dous establecementos comerciais. Son espectáculos que lle van permitir á veciñanza de Ames ver unha cultura que está fóra do circuíto habitual e ademais nun hábitat urbano e informal que é onde mellor funcionan estas propostas. Vai a ser un día moi fermoso para reivindicar unha cultura non exclusiva”.

Programa da xornada
O programa da xornada está composto por dous espectáculos que se van interpretar ás 17.30 horas en Mayzu Hogar, situado na rúa Travesa do Milladoiro, e ás 19.00 horas en Máis que Louza, situado na praza da Maía en Bertamiráns. Deste xeito, a compañía Vuelta y media representará Vecinos, que é un espectáculo de acrobacia circense, mentres que a compañía Al Lío interpretará Así que é un espectáculo de danza.

Os dous espectáculos representaranse, un a continuación do outro, no Milladoiro e en Bertamiráns. Trátase de espectáculos interpretados por persoas con diversidade funcional e que contan cunha duración aproximada de 20 minutos. Están adaptados para ser representados en este tipo de espazos como son os establecementos comerciais. Ademais, ás 20.00 horas, o grupo Chungo Pastel ofrecerá un concerto na praza da Maía, en Bertamiráns.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo estar moi contenta “de que se conte con establecementos de Ames para realizar este evento. É a segunda vez que se fan representacións teatrais en establecementos comercias de Ames e agardo que sexan moitas máis. Teño que agradecer aos establecementos Mayzu, do Milladoiro, e Máis que Louza, en Bertamiráns, a súa implicación neste proxecto e que deixen os seus escaparates para a realización das representacións. Desde o primeiro momento dixeron que si e iso é de agradecer. Gracias tamén a Fran Rei por pensar en Ames para estas representacións e actuacións que agardo sexan as primeiras de moitas”.

Pechou o acto de presentación o alcalde, Blas García, que destacou “a través desta iniciativa estase traballando en tres ámbitos que son moi importantes para o Concello de Ames, nos que penso que somos unha referencia, como son a cultura, o comercio e maila inclusión. Mesturamos estes tres ámbitos para organizar esta actividade que é moi innovadora onde sacamos a cultura á rúa. Isto é moi importante, sobre todo nestes tempos, para que a veciñanza de Ames poida gozar de dous espectáculos teatrais dentro de dous establecementos comercias e do concerto que se vai celebrar na praza da Maia. Seguiremos apostando por esta iniciativa para que sexa a primeira de moitas. Agardamos tamén que as veciñas e veciñas participen nestas actividades”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La cultura inclusiva toma las calles de Ames y transforma comercios en escenarios teatrales"

El Correo Gallego: "Dous espectáculos inclusivos o venres nas urbes"

Presentación da I Xornada de cultura inclusiva de Ames

Multimedia

  • Presentación da I Xornada de cultura inclusiva de Ames
  • Cartel da I Xornada de cultura inclusiva de Ames