Solapas principales

Preséntase a cuarta edición da campaña de fotografía “Ilumina o teu sorriso”, que busca promover o comercio amesán

Lunes, 12 de diciembre de 2022

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación do concurso de fotografía “Ilumina o teu sorriso”, organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, o centro dental Macía e o estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayuela. O certame ten como obxectivo dinamizar os establecementos locais, fomentando o achegamento da cidadanía ás rúas más comerciais. Para participar na campaña cómpre realizar dúas fotografías en dous dos lugares seleccionados polas súas decoracións de Nadal: nas prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, ou na praza da Madalena e no aparcamento do Supercor, no Milladoiro. Os premios son un teléfono móbil Samsung Galaxy A13 e dous vales de 100 euros cada un para gastar en comercios amesáns. As bases ao completo poden consultarse premendo nesta ligazón.

Ao acto de presentación acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; Jorge López, presidente de XEA, e Ramón Cordido, en representación de La Rayuela.

Os participantes do concurso deberán enviar dúas fotos, tomadas en dúas das catro localizacións propostas nas bases da campaña, nas que están instalados diversos elementos luminosos da decoración de Nadal. Os puntos son, en Bertamiráns, o logo de Ames da praza do Concello; e o número 2023 na praza da Maía. Por outra banda, no Milladoiro deberanse fotografar a bola xigante luminosa da praza da Madalena e a árbore de 15 metros do aparcamento do Supercor.

O prazo para mandar as imaxes está aberto dende hoxe, luns 12 de decembro, ata o vindeiro 7 de xaneiro. Para anotarse é imprescindible ser maior de 18 anos e residir no territorio español. Só se admitirán dúas fotografías por participante, que deben ser orixinais e inéditas, e poderán ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo. Cómpre remitilas ao correo electrónico amesnarua@gmail.com, xunto cos datos persoais do participante: nome e apelidos, data de nacemento, número de teléfono e enderezo. Así mesmo, deberase incluír o texto “autorizo aos organizadores á difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo”, e no caso de que nas imaxes aparezan persoas recoñecibles é preciso adxuntar tamén a súa autorización.

As persoas participantes prestan o seu consentimento para que as súas composicións poidan ser expostas no Instagram e Facebook @amesnarua e baixo os cancelos #iluminaoteusorriso22 e #amesnarua.

A empresa La Rayuela será a encargada de recibir as inscricións, compartir as fotos nas redes sociais e realizar o sorteo para coñecer aos gañadores. Dito sorteo será realizado no mes de xaneiro. A cada un dos participantes na campaña asignaráselle un número, correlativo segundo o envío ao correo electrónico facilitado. Os premios serán adxudicados ás persoas que posúan os tres primeiros números resultantes do sorteo. Desta maneira, o participante co primeiro número gañador recibirá un teléfono móbil Samsung Galaxy A13 de 64 GB, doado polo centro dental Macía; mentres que o segundo e o terceiro serán dotados con vales de 100 euros cada un, que se poderán empregar para gastar no comercio local.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, felicitou a iniciativa e instou á implicación dos habitantes de Ames e dos seus arredores. “Agradezo a colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames e invito a todos os veciños, veciñas e visitantes da contorna a participar neste bonito concurso e a que iluminen o seu bonito sorriso nesta bonita época de Nadal”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, tamén agradeceu a colaboración das empresas locais e destacou que “é a cuarta edición do Ilumina o teu sorriso, que empezou como unha pequena proba e cada ano vai tendo máis éxito e participación. É unha actividade máis dentro do Nadal que celebramos no Concello, e busca a participación non só da veciñanza de Ames, senón tamén da xente da contorna, que nos axuda a destacar e poñer en valor o alumeado navideño que temos”.

As bases da campaña ao completo poden consultarse premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Cuarta edición da campaña de fotografía 'Ilumina o teu sorriso', que busca promover o comercio amesán"

La Voz de Galicia: "Ames reedita 'Ilumina o teu sorriso' para incentivar la actividad comercial en Navidad"

Ilumina o teu sorriso estrea a súa cuarta edición

Multimedia

  • Preséntase a cuarta edición da campaña de fotografía “Ilumina o teu sorriso”, que busca promover o comercio amesán
  • Preséntase a cuarta edición da campaña de fotografía “Ilumina o teu sorriso”, que busca promover o comercio amesán